Situación actual da central hidroeléctrica de Landoi
Abandoadas en 1973, as instalacións da central hidroeléctrica de Landoi sobre o río Fortes foron renaturalizándose ata o punto de que en diversos apartados do propio proxecto recoñécese que a represa non produce afección algunha ao rego e que a canle e imperceptible “en numerosos puntos”.
Importancia ambiental
Fogar das sete especies de felgos do CGEA
O Río Fortes e a súa fraga (Cedeira, Cariño, Ortigueira) son un lugar de suma relevancia para
a conservación do bosque atlántico galaico-asturiano (Blechno spicanti-Quercetum roboris Tx. &
Oberdorfer 1958). Esta zona extraordinariamente ben conservada é ademais o fogar das sete especies de felgos presentes no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA), entre as que destacan as poboacións de Hymenophyllum wilsonii pola súa rareza e a de Culcita macrocarpa pola súa extensión. Ás outras cinco especies de felgos (Woodwardia radicans, Dryopteris aemula, Dryopteris guanchica, Vandenboschia speciosa e Hymenophyllum tunbrigense).

A suposta ausencia de felgos protexidos dentro das instalacións indicada no proxecto é desmentida tanto pola súa propia portada como por multitude de imaxes nos seus distintos apartados. Así, vense exemplares de Woodwardia radicans medrando no interior das instalacións a desmantelar, nas paredes da casa de máquinas e nas tuberías metálicas. Da mesma maneira a canle de desviación está cuberta en varios tramos por exemplares de Culcita macrocarpa.


Especies de fauna protexida
Na pobre información faunística do proxecto figuran especies non presentes na zona, outras coa nomenclatura desactualizada e omítense outras que si están presentes e incluídas no CGEA coma Geomalacus maculosus, Elona quimperiana, Rana parvipalmata, Rana iberica, Rhinolophus ferrumequinum e Rhinolophus hipposideros
Impactos que tería o proxecto
Calquera apertura de pistas de acceso e transporte de maquinaria pesada ata o lugar suporía a compactación do solo forestal, ademáis de riscos por expansión de Especies Exóticas Invasoras (EEI) e facilitar a entrada a outra maquinaria como a da industria forestal que podería ameazar a integridade da fraga. As obras de acceso destruirían exemplares de especies protexidas: Culcita macrocarpa (en perigo de extinción no CGEA) e Woodwardia radicans (vulnerable no CGEA), cun impacto a longo prazo pois a repoboación natural da zona, especialmente polas especies de felgos pode ser moi longa debido á lentitude coa que medran estas especies cuxas frondes son moi lonxevas.
Por outra banda, o emprego de maquinaria conlevaría riscos de derrames accidentais de aceites, combustibles e outros residuos que poderían afectar moi seriamente a especies moi sensibles presentes en pedras integradas no leito do río como Hymenophyllum wilsonii e Hymenophyllum tunbrigense; fráxiles especies cunha soa capa de células que son moi sensibles a cambios no ambiente.

O emprego de terra vexetal allea á zona contemplado en diversos apartados podería introducir vectores de propagación de EEI que poñerían en risco esta zona de natureza singular e integrada dentro da Rede Natura. O emprego nalgúns casos de materiais provenientes da canteira Mina David aumenta o risco de entrada de EEI á zona, como a herba da Pampa (Cortaderia selloana) que é moi abundante na canteira citada. Ademais a revexetación con Salix atrocinerea non é adecuada para este tipo de ambientes onde a especie arbórea dominante á beira do curso fluvial é a abeleira (Corylus avellana), entre outras especies.
Por último, o recheo da obra de toma e da canle de derivación semella innecesario xa que para os micromamíferos e hérpetos non hai risco real debido a que as paredes están tapizadas con musgo e poden subir con facilidade. Ademais, mamíferos grandes non deberían ter problemas para sortear o obstácul pois a canle está rota en numerosos lugares.
Posición de SGHN sobre o proxecto
Vista a naturalización das instalacións e o inaceptable impacto sobre especies ameazadas e protexidas, SGHN solicita que unicamente se retire a comporta metálica da represa pois, cun mínimo impacto, reduciría o nivel de auga e melloraría sensiblemente a conectividade lonxitudinal do rego do Forte. Complementariamente, esta intervención podería (e debería) aproveitarse para facer unha retirada de Crocosmia x crocosmiiflora abundante nesa zona da represa.
