Día Internacional dos Humedais 2018 Celebración do VII Aniversario da Sección Antela

O 2 de febreiro é unha data moi sinalada para a Sección Antela pois celébrase o Día Mundial dos Humidais (Convención de Ramsar, 1997) e a creación da Sección (Ourense, 2011).

Así que nesas datas hai moito que festexar. Este ano, e para variar, o día estivo pasado por auga como corresponde a celebración de exaltación das zonas húmidas. Ademáis despois da seca do ano 2017 os niveis da auga están por debaixo do que sería habitual nestas datas como comprobamos ao longo do día e segue a ser precisa a choiva. Así que, si a predicción do día é que vai chover…. que chova!!!

A xornada comenza poñéndonos en antecedentes, para o que utilizamos as fotografías aéreas do vóo americano e as actuais: as enormes modificacións do territorio na comarca limiá nos últimos 60 anos teñen causado a perda de ecosistemas únicos e hábitats de interese para moitas especies de flora e fauna sobre todo as ligadas a medios acuáticos polo desaugamento, as concentracións parcelarias, rectificacións de cauces e desenvolvemento de outras actividades económicas posteriores, entre elas a explotación de áridos nas areeiras.

E aquí entra de cheo o traballo da SGHN a través do aluguer de predios ao banco de terras de Galicia (BANTEGAL-AGADER), de acordos de custodia do territorio e da merca dunha parcela, sendo estas as tres liñas básicas de traballo nestes anos, e o que imos ver neste ano son os avances conseguidos, pois como ben dixo Cora Weiss:

“Cando soñamos sós, só é un soño.
Pero cando soñamos xuntos pode converterse en realidade”

Dentro do previsto iniciamos a visita comprobando os traballos que se veñen de desenvolver na zona das areeiras para a protección de especies ameazadas. O proxecto “poza dos arieiros” desenvólvese sobre unha antiga explotación areeira e está planificado para a creación de zonas areosas e de augas someras idóneas para os limícolas, principalmente o deseño vai favorecer 3 especies: Riparia riparia, Charadrius dubius e Eryngium viviparum.

Os labores de remodelación van por bó camiño grazas tanto ao traballo dos socios e colaboradores como aos apoios externos de particulares.  Así a recreación de bancos areosos están moi avanzados aínda que tiveron que ser interrupidos ó subir o nivel de auga; aínda así, como apuntan algúns que coñeceron os predios antes dos traballos, hai un cambio enorme dende a situación previa demostrando que a restauración destas zonas pódese facer dun xeito diferente

A zona que hoxe ocupan as areeiras asolagábase na tempada das enchentes invernais e augas arriba desta área estaba a Lagoa de Antela. Na parte alta do que foi a Lagoa SGHN está a traballar noutro proxecto de restauración: “Veiga de Gomareite”.

Aquí tamén se pon de manifesto unha grande transformación grazas a colaboración e acordos acadados cunha persoa implicada que aposta pola gandeiría en extensivo. A veiga de Gomareite en tempos estaba cuberta estacionalmente polas augas da Lagoa de Antela e na actualidade atópase íntegramente dentro da ZEPA de A Limia pero empregouse como vertedoiro incontrolado, inicialmente de restos da concentración parcelaria (tocóns das árbores talladas, pedras dos muros e marcos de predios suprimidos) e despois por todo tipo de refugallos: residuos de construción e demolición, enseres domésticos inservibles, plásticos de silo, vidros e botellas, pneumáticos, etc. que sepultaron parte dos hábitats máis valiosos e que, ademais, limitan a introdución de gando vacún en extensivo, tanto por risco de feridas nos animais como por redución da superficie pastable.

O obxectivo do proxecto que se está a realizar neste lugar é a retirada destes materiais sobrantes e a recuperación da superficie orixinal da veiga, hoxe vense os resultados do traballo do que tamén disfruta un rebaño de vacas de raza rubia que se achega curioso aos visitantes. Aquí e ahora, tamén se demostra que é posible e necesario facer compatible a conservación dos recursos naturais cóas actividades gandeiras tradicionais.

E baixo unha fina choiva chega o momento de xantar, nesta ocasión en Lodoselo cós nosos amigos do CDR O Viso que tanto nos teñen axudado nestes anos para avanzar no proxecto do “Humidal Antonio Villarino“, quizais o proxecto máis atrevido e novidoso dos que SGHN está a levar a cabo.

A colaboración có CDR O Viso é tan forte, que podemos ver en primicia os novos paneis informativos sobre o proxecto que se van colocar nas inmediacións das instalacións do CDR. Cós paneis á vista e mentras chove explícase sobre eles o proxecto, a súa evolución e os valores biolóxicos da zona.

Pero claro, non hai nada como ver o proxecto in situ aínda que sexa baixo a choiva; despois destes anos de traballo hoxe dase por finalizada a última fase de creación de neocauces e remodelación da parcela con lixeiras modificacións sobre o proxecto orixinal. O proxecto “humidal Antonio Villarino” é un claro exemplo de aproveitamento de superficies con escaso  valor agrícola para favorecer a biodiversidade sin interferir coas actividades agrícolas das parcelas colindantes, máis aínda colaborando con algún agricultor para mellorar a súa parcela e tamén ampliar a restauración da de SGHN; demostrando, outra vez máis, que outra limia é posible, entre todos.

Pois así foi este día de celebración, de novo unha xornada completa e moi interesante e unha vez máis hai que dar as grazas a todos aqueles que co seu apoio, axuda e colaboración fan que estes proxectos se materialicen. Moitas grazas beonfeitores.

Lembra que se queres ser BEÓNFEITOR e poñer a túa pinga de auga para que medren estes pequenos humidais podes contribuir cunha doazón na conta corrente
2013 ES63 2080 0200 4830 4012 7702

ou na conta de Paypal: sghn@sghn.org (neste caso especifica “Sección Antela”)

  • Beón: (nome, botánica). A pranta máis emblemática non só de Antela ou lago Bión/Beón, senón de todo o complexo húmido Limia-Antela.
  • Benfeitores: (sustantivo). Os que fan o ben.
  • BEóNFEITOR(nome, neoloxismo). Díse do que fai o ben aos ecosistemas acúaticos de Limia-Antela