Do asfalto á area: a renaturalización da duna de Santa Cristina

Aprácenos anunciar a seguinte conferencia do ciclo de Xuntanzas Naturalistas que impartirá Noelia Pereira Álvarez, licenciada en bioloxía, máster en Inxeñería ambiental e actualmente realizando a súa tese doutoral na Universidade de Santiago de Compostela co título “Biodiversidade, ecoloxía e conservación das comunidades de plantas en ecosistemas dunares de Galicia”:

  • TÍTULO: Do asfalto á area: a renaturalización da duna de Santa Cristina.
  • DATA: venres 12 de decembro
  • HORA: 19:30 
  • LUGAR: Auditorio do Museo de Historia Natural de Ferrol
  • ORGANIZA: Delegación de Ferrol da Sociedad Galega de Historia Natural
  • PATROCINA: Deputación da Coruña

A duna de Santa Cristina, situada nun enclave turístico próximo á Coruña, constitúe un exemplo emblemático de recuperación dun ecosistema dunar urbano. Esta praia, formada por unha frecha de area, estaba orixinalmente constituída por unha duna vexetada, pero sufriu importantes alteracións desde mediados do século XX debido á construción de edificacións e ao uso intensivo humano, acompañadas da perda de area pola modificación das correntes costeiras asociada aos diques. Nas últimas dúas décadas, con todo, obsérvase unha recuperación significativa da vexetación dunar e a duna mantense activa, evidenciando que, ao eliminar os impactos antrópicos, os procesos naturais poden restaurar os ecosistemas de forma espontánea. Este caso ilustra o potencial da renaturalización como estratexia de conservación e recuperación ambiental, en consonancia coas directrices europeas que promoven o desenvolvemento sostible, a restauración de hábitats naturais e a resiliencia dos ecosistemas costeiros, mostrando que é posible conciliar a recuperación ecolóxica co valor socioeconómico e turístico dun entorno de grande relevancia.

  • Divulga ti tamén!