Dous anos de Fragas do Mandeo

As Mariñas, Ferrol, 11-01-2013

A Sociedade Galega de Historia Natural e a Fundación Fragas do Mandeo ofreceremos unha conferencia en Ferrol sobre a custodia do territorio titulada “Fragas do Mandeo: O fondo de conservación da natureza de As Mariñas”, que impartirá o Presidente da Fundación, Fernando Bandín, o venres 18 de xaneiro ás 8 da tarde no Museo de Historia Natural.

A custodia do territorio é unha fórmula de conservación da natureza que busca preserva-la biodiversidade mediante acordos cos propietarios de fincas. A Fundación Fragas do Mandeo – constituida por Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Naturalista Hábitat e a asociación cultural O Rabo do Galo – é unha entidade non lucrativa declarada de interese galego que practica a custodia do territorio na comarca coruñesa de As Mariñas.

Na conferencia vai falarse das características da custodia do territorio, da súa eficacia como fórmula para protexe-la natureza, da súa implantación no estranxeiro e no conxunto do Estado, das fórmulas legais para aplicala (compra-venta, doazón, legado testamentario, cesión, etc.) e das actividades de Fragas do Mandeo nos seus dous primeiros anos de vida.