Balsa de lodos de Corcoesto: que non sexa un segundo Aznalcollar

O risco de accidente que a empresa, con permiso da Xunta, non quiso avaliar

As balsas de lodos poden rebentar

En todo o mundo, no periodo 1970-2000 rebentaron grandes depósitos de residuos mineiros a un ritmo mínimo de 1,7 por ano (Penman et al., 2001), frecuencia que se mantivo sensiblemente constante no que vai de século XXI (http://www.wise-uranium.org/mdaf.html). Por ise motivo, SGHN solicitou reiteradamente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (05-09-2011 e 17-12-2012) e á Consellería de Economía e Industria (31-05-2012) que o proxecto de Edgewater Exploration Ltd para explotar unha mina de ouro a ceo aberto en Corcoesto debería avaliar os efectos sanitarios, económicos e ecolóxicos dos peores accidentes posibles, incluida a rotura das balsas mineiras con liberación total do seu contido ao río Anllóns, e se esixira á empresa un seguro de responsabilidade civil polo importe máximo dos danos posibles.

O caso de Aznalcollar

Esta petición de SGHN está avalada mesmo polos argumentos de expertos do Instituto Geológico y Minero de España (véxase Ayala-Carcedo, 2004):

  • “… parece claro que en estructuras e instalaciones que puedan liberar contaminantes, el mayor Impacto Ambiental es el que puede producir la rotura. En este sentido, la Evaluación de Impacto Ambiental necesita del Análisis de Riesgos.”
  • “La segunda gran lección que transmite Aznalcóllar, con daños elevadísimos y hoy por hoy asumidos en buena parte por los contribuyentes, es la de que toda instalación u obra que suponga un riesgo para las personas o el medio ambiente, depósito de residuos o presa hidráulica, debería cubrir estos posibles daños a través de la correspondiente póliza de seguro. El interés de esta medida… no solo radica en la más elemental racionalidad social o ecológica (“quien contamina paga”), sino en el hecho de que las propias aseguradoras, para fijar la póliza, deberían analizar el riesgo, con lo cual se incorporaría una salvaguardia más para los ciudadanos y el medio ambiente.”
  • “El diseño de todas estas estructuras, singularmente las que comportan mayor riesgo, las de Clases A y B, debe hacerse a peligro máximo posible, incluido el sísmico, y preverse en el propio proyecto las grandes reparaciones post-abandono para garantizar la seguridad tras el mismo.”

Comparación das balsas de lodos de Aznalcollar e Corcoesto

A rotura da balsa de Aznalcollar (ver video Informe Semanal 1998) provocou o verquido de 2 millóns de m3 de lodos e 4 millóns de m3 de augas ácedas, que xeraron unha onda de 3,94 m de altura cun caudal punta de 811 m3/s na estación de aforos sita 11 km augas abaixo (Ayala-Carcedo, 2004).

A rotura da balsa de Corcoesto, cunha capacidade de 11 millóns de m3, podería liberar un volume de lodos e augas dúas veces maior que o verquido de Aznalcóllar, co agravante de que en Corcoesto:

  • A altura máxima do dique da balsa sería 3 veces maior (85 m fronte a 27).
  • A cota máxima respecto ao nivel do mar sería 171 m máis alta (238 m snm fronte a 67 m snm).
  • A distancia ao esteiro sería menos da terceira parte (15 km e 51 km)
  • O desnivel entre a cota máxima da balsa e o esteiro sería 12 veces maior (15,9 m/km fronte a 1,3 m/km).

Polo devandito, en Corcoesto habería un risco potencial dun verquido que duplicase en volume ao de Aznalcóllar e xerase unha onda de lodos e augas tóxicas considerablemente máis alta e máis rápida e, polo tanto, máis destructiva. Ademais entre a balsa de lodos de Corcoesto e as poboacións máis importantes augas abaixo (Anllóns Grande e Ponteceso) hai dúas pequenas presas hidroeléctricas (as de Corcoesto e Anllóns) e non está avaliado se resistirían ou non o embate da enorme onda de auga e lodo. Se as presas estoupasen, incrementaríase aínda máis o caudal e a altura da avenida.

O que os lodos de Corcoesto poderían sepultar

A máxima enchente do Río Anllóns para o periodo de retorno de 200 anos é de 450 m3/s (http://pedc.dicoruna.es/files/Plan_estrategico_Cp16.pdf), apenas a metade do caudal xerado pola rotura da balsa de Aznalcóllar, que, á súa vez, verqueu a metade da capacidade máxima da balsa de Corcoesto. Polo tanto, se rebentase a balsa de Corcoesto estando chea podería provocar unha enchente entre dúas e catro veces maior que a máis grande das enchentes rexistradas na bacía do Anllóns nos últimos dous séculos. De estar chea cando rebentase, os 11,1 millóns de m3 (uns 17 millóns de toneladas) de lodos das balsas mineiras poderían cubrir cunha capa de lodos:

  • De 2,84 m de altura as 392 ha que ten o esteiro do Anllóns entre a última ponte en Ponteceso e a Illa Tiñosa (imaxe de abaixo á esquerda).
  • De 45 cm de altura as 2.447 ha que teñen en conxunto a ría de Corme-Laxe e o esteiro do Anllóns dende a última ponte en Ponteceso ata unha liña recta que una os faros de Punta Roncudo e Laxe (imaxe de abaixo á dereita).
  • Contendo 8.437 tm de arsénico moi finamente moido que poderían cubrir con:
    • 2,15 kg/m2 de arsénico todo o esteiro do Anllóns.
    • 344 g/m2 de arsénico todo o fondo da ría de Corme-Laxe e o esteiro do Anllóns.

Peticións de SGHN ao Presidente da Xunta

Simulación dos riscos dos peores accidentes posibles

SGHN ven de solicitar ao Presidente da Xunta de Galicia (PDF) que, en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto mineiro de Edgewater Exploration Ltd en Corcoesto ou, no caso de non desbotarse o proxecto, que se esixa a elaboración dun novo Estudio de Impacto Ambiental que inclúa unha simulación dos peores accidentes posibles:

  • A rotura das dúas balsas mineiras con verquido total ao cauce do río Anllóns da cantidade máxima de residuos que conteñan, incluindo necesariamente o cianuro empregado na extracción do ouro e o arsénico contido nas rochas.
  • O verquido accidental das máximas cantidades de produtos tóxicos e perigosos almacenadas nas instalacións mineiras: 50 toneladas de cianuro, 50 toneladas de sosa cáustica e 30 toneladas de ácido clorhídrico.
  • O verquido accidental de produtos tóxicos e perigosos (cianuro, sosa cáustica e ácido clorhídrico) durante o seu transporte ás instalacións mineiras.
  • Os efectos sobre:
    • Os núcleos de poboación situados augas abaixo das balsas mineiras, sobre todo nas vivendas situadas nas cotas máis baixas en A Garga, Anllóns Grande, A Picota e Ponteceso.
    • As infraestruturas que se poderían ver afectadas (pontes, estradas, centrais hidroeléctricas, subministro de auga para abastecemento humán, agricultura e gandería).
    • A agricultura e gandería na chaira de asolagamento do río Anllóns.
    • A actividade marisqueira no esteiro do Anllóns (berberecho) e na ría de Corme-Laxe (mexilón e, moi especialmente, percebe).
    • A riqueza pesqueira na ría de Corme-Laxe.
    • O turismo de sol e praia, o gastronómico e o ornitolóxico.

Seguro de responsabilidade ambiental

No caso de non desbotarse finalmente o proxecto, SGHN pídelle ao Presidente da Xunta de Galicia (PDF) que se esixa á empresa a contratación dun seguro de responsabilidade civil, nunha compañía de seguros radicada na Unión Europea e suxeita á lexislación da UE, para facer fronte a todos os danos previsibles de acordo coa dita simulación, na liña do establecido pola Directiva 2004/35/CE e a Lei estatal 26/2007 sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais.

Á vista dos danos ocasionados pola rotura da balsa de Aznalcollar (véxase Ayala-Carcedo, 2004), tendo en conta a evolución do IPC dende entón e á espera dunha avaliación profesional dos riscos a asegurar no caso de Corcoesto, SGHN estima que o importe mínimo de dito seguro de responsabilidade civil debería ser duns 300 ou 350 millóns de euros.

Bibliografía citada