Efemérides astronómicas de xaneiro

Na constelación de Orión, e ocupando boa parte dela, hai unha vasta rexión de formación de estrelas coñecida como o Complexo de Nebulosas Moleculares de Orión, a maioría moi coñecidas como M42, M43, a Nebulosa da Cabeza de Cabalo, o Anel molecular de Lambda Orionis, a nebulosa de emisión Barnard’s Loop, M78 e a nebulosa da Chama.

A Nebulosa da Chama é unha fermosa nebulosa de emisión composta principalmente de gas hidróxeno, e é unha das rexións H-II máis espectaculares en todo o Complexo Molecular Orión. A formación masiva de estrelas ten lugar detrás das densas nubes de hidróxeno e o pó asociado. Estas nubes son tan grosas e densas que poucas das estrelas recentemente nadas pódense detectar con claridade. Hai un cúmulo dunhas 800 estrelas moi novas no centro da nebulosa que se pode detectar en infravermello, a maioría teñen discos circunestelares o que denota a posible formación de planetas. Os membros máis novos teñen ao redor de 200.000 anos e concéntranse cerca do centro do grupo, mentres que as máis antigas de 1,5 millóns de anos atópanse nas rexións exteriores. Ao mesmo tempo, ningunha estrela en particular foi verificada como responsable de acender a nebulosa, e aínda que Alnitak (estrela superxigante azul, 35.000 veces mais brillante que o Sol) parece ser un candidato non o é, xa que se atopa a menos de 800 anos luz de distancia de nós, mentres que a distancia da Chama estimouse en 1.300 anos luz. É probable que a Chama reciba a súa iluminación de varias estrelas próximas de tipo B.

Na foto obtida polos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da SGHN podemos ver un área central escura causada por unha liña de pó na que se atopa unha estrela 20 veces máis masiva que o Sol, que está profundamente incrustada nese pó, e en gran medida oculta, pero de estar á vista sería tan brillante como as tres estrelas no Cinto de Orión xuntas. Atopase a 1.350 anos luz de nós, o seu tamaño é de 30 x 30 minutos de arco e ten una magnitude aparente de 2. Foi descuberta por Wilhelm Herschel en 1786. É coñecida tamén como: NGC 2024, Sharpless 277, W 12, LBN 953, PMN J0541-0154 e SNR G206.5-16.4.

A Chama é grande, relativamente brillante, ten moitas características interesantes e, o que é máis importante, está a disposición de observadores de todo o mundo, xa que se atopa a só un grado ao sur do ecuador celeste. Con todo, está ensombrecida polas atraccións máis coñecidas de Orión, como son a Gran nebulosa de Orión (M42) e a Cabeza de Cabalo, así como a súa proximidade á estrela Alnitak , o que fai que a observación da nebulosa sexa un desafío que vos invitamos a conseguir.

Nebulosa da Chama

  • Día 2: Ás 03:24 h Lúa Chéa.
  • Día 3:Choiva de meteoros Cuadrántidas, as mais intensas do ano. Actividade desde o 28 de decembro ao 12 de xaneiro, con un máximo de
  • 120 por hora o día 3. Radiante en Bootes. Son meteoros de gran tamaño con ronseis de longa duración.
  • Dia 5: Régulus e a Lúa moi próximos.
  • Día 7: Galileo Galilei descobre os satélites naturais de Xúpiter: Io, Europa e Callisto (1609).
  • Día 8: En 1642 morre arrestado no seu domicilio de Florencia, Galileo Galilei. Ata o 31 de outubro de 1992 a Santa Sé non recoñeceu o seu erro ao condenalo en 1633. Ás 11:45 h a Lúa en Cuarto Minguante.
  • Día 11: Xúpiter, Marte e a Lúa moi próximos.
  • Día 13: Mercurio e Saturno, moi próximos.
  • Día 15: Saturno, Mercurio e a Lúa moi próximos.
  • Día 17: Ás 03:17 h Lúa Nova.
  • Día 24: Ás 11:20 h a Lúa en Cuarto Crecente.
  • Día 27: Aldebarán e a Lúa moi próximas.
  • Día 31: Ás 02:27 j Lúa Chéa. Eclipse total de Lúa, non visible en Galicia.

Planetas

  • Mercurio: Atópase na constelación de Saxitario con magnitude -0,2 visible unha hora antes do amencer.
  • Venus: Atópase na constelación de Saxitario cunha magnitude de -3,49, pola súa proximidade ao Sol non é visible.
  • Marte: Atópase na constelación de Libra cunha magnitude de 1,54, visible durante catro horas antes do amencer.
  • Xúpiter: Atópase na constelación de Libra cunha magnitude de -1,45, visible catro horas antes do amencer.
  • Saturno: Atópase na constelación de Saxitario cunha magnitude de 0,72, visible durante unha hora antes do amencer.
  • Urano: Atópase na constelación de Piscis cunha magnitude de 6,14, visible durante sete horas despois do solpor.

Cometas

Dada a súa magnitude superior a 10, son dificilmente observables.

  • Divulga ti tamén!

    RSS
    Facebook
    Facebook
    Twitter
    Instagram