“Estado da natureza” en Galicia: 3. Especies ameazadas e especies invasoras

Dende a súa fundación como Grupo Ornitolóxico Galego hai xa 44 anos e a súa transformación en Sociedade Galega de Historia Natural 4 anos despois, SGHN mantén unha actividade ininterrumpida a prol do estudio, divulgación e conservación do patrimonio natural galego. Con esta longa experiencia, e conforme aos obxectivos e metas para 2020 establecidos pola Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea, faise a presente análise do “Estado da natureza” en Galicia, que se estrutura en tres capítulos:

  1. Espazos protexidos: superficie, xestión e apoio ás comunidades locais.
  2. Uso público dos espazos protexidos
  3. Biodiversidade: especies ameazadas e especies invasoras.

3.1. Perda da Biodiversidade

A Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea establece que no ano 2020 estarán eliminados, ou reducidos a un valor mínimo, os efectos negativos sobre os hábitats de interese comunitario e as especies protexidas de flora e fauna. Este obxectivo abarcaría aos ecosistemas terrestres e mariños, e como, indica a estratexia europea, especialmente aos bosques.

Este obxectivo dificilmente se poderá cumprir en Galicia se non se produce un cambio radical na aptitude e actitude da actual Dirección Xeral do Patrimonio Natural, de xeito que promova e garanta o cumprimento das normativas ambientais e especialmente daquelas que rexen sobre os espazos naturais, os hábitats e as especies de flora e fauna protexidas. As perdas de biodiversidade en Galicia non só non se reduciron, senón que experimentaron un forte incremento no últimos catro anos, afectando tanto os compoñentes da biodiversidade presentes nos espazos naturais, como fóra destes.

Eucaliptización e biodiversidade

Calquera que percorra o territorio galego poderá constatar como as áreas de interese para a conservación da biodiversidade son totalmente destruídas, ao ser substituídas por cultivos arbóreos de especies exóticas invasoras (Eucalyptus spp., Pinus spp.), ou por pasteiros intensivos. Noutras ocasións a transformación é máis paulatina, e así é cada vez máis frecuente atopar pequenas plantacións de especies leñosas exóticas, principalmente Eucalyptus, no seo de bosques de ribeira ou de carballeiras.

O descontrol na expansión do eucalipto percíbese en numerosos espazos naturais de Galicia, especialmente en ZEC Carballido, ZEC Rio Eo, ZEC A Marronda, ZEC Negueira, ZEC Serra do Xistral, ZEC Fragas do Eume, ZEC Ortigueira-Mera, ZEC Estaca de Bares, ZEC Xubia – Castro, ZEC Betanzos – Mandeo, ZEC Costa Artabra, ZEC Costa da Morte, ZEC Carnota – Monte Pindo, ZEC Brañas de Xestoso, ZEC Serra do Careon, ZEC Monte Faro, ZEC Serra do Candán, ZEC Serra do Cando, etc.

Ríos e humidais

O estado de conservación dos nosos ríos e humidais é igualmente moi preocupante. As condicións ecolóxicas de moitos deles sitúanse á marxe dos límites de tolerancia marcados pola normativa vixente. E na maioría deles permítese a realización de accións contrarias a un estado de conservación favorable. A deficiente situación dos humidais e ecosistemas fluviais na conca do Limia verase a medio prazo empeorada coa execución de distintas obras hidráulicas, planificadas subestimando os valores ambientais (hábitats e especies), os problemas de calidade das augas e a presenza de cianobacterias.

Ecosistemas dunares

O estado de conservación dos ecosistemas dunares en Galicia segue a ser moi preocupante. Na maioría deles non existe ningunha medida de control do uso público, polo que a presenza continua e incontrolada de persoas e mascotas está a provocar unha rápida degradación da estrutura e composición biolóxicas destes singulares ecosistemas. Esta situación evidénciase lamentablemente en dous dos sistemas dunares de maior relevancia ambiental de Galicia: A Lanzada (ZEC Complexo Ons – Grove) e A Frouxeira (ZEC Costa Ártabra), onde se permite ao longo do verán todo tipo de actuacións degradativas e contrarias á normativa ambiental, sobre os medios dunares. A remoción e alteración dos cordóns dunares, rozas, axardinamentos, pisoteo indiscriminado e intensivo, abandono de residuos, presenza de cans, eliminación de plantas, etc., son mostras do uso irracional en Galicia que contrasta co feito noutros territorios da Unión Europea.

Alteración do sistema dunar na Praia de Reinante (ZEC As Catedrais)

En materia de urbanismo, a presenza de galpóns, algúns empregados como vivendas ocasionais ou de fin de semana, é cada vez máis frecuente nos espazos naturais protexidos do litoral, nos que tamén se seguen a perder compoñentes clave da biodiversidade coa execución de obras para un uso público masivo e insustentable (aparcadoiros, adecuación de pistas, pasarelas, etc).

Herbicidas e rozas mecánicas

O uso de herbicidas realízase sen ningún tipo de control, aplicando os mesmos na proximidade ou sobre as canles de augas correntes ou estancadas, ou nas proximidades de hábitats con especies de flora e fauna protexida. A incompatibilidade destes produtos químicos coa preservación da diversidade dos medios acuáticos e terrestres está claramente reflectida nas propias etiquetas e recomendacións dos fabricantes. Tampouco se debe obviar que na maioría dos casos están a empregarse en Galicia produtos fitosanitarios formulados con compostos básicos considerados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como potencialmente carcinoxénicos para as persoas.

Xunto cos herbicidas acentuouse a roza sobre hábitats naturais arbustivos ou herbáceos, alterando de maneira significativa a súa estrutura, funcionamento ecolóxico e composición biolóxica, incumprindo ademais a normativa ambiental. Percorrer os espazos galegos é contemplar todo un conxunto de rozas inxustificadas, contrarias ás necesidades de conservación, que se realizan á conta dunha inxente cantidade de diñeiro público que debería adicarse a outras actividades que xeren un impacto positivo sobre o medio ambiente e a poboación local. Aínda que resulta moi difícil de indicar espazos naturais que non estean afectados por rozas irracionais, éstas adquiren valores moi alarmantes nas ZEC Serra do Careón e ZEC Brañas de Xestoso, ao estar a provocar unha perda significativa de hábitats prioritarios, así como dos núcleos poboacionais de especies protexidas.

3.2. Especies exóticas invasoras

A administración autonómica parece haber claudicado na loita contra as especies invasoras. A expansión de Cortaderia selloana nas áreas litorais e sublitorales, así como a vertixinosa e rápida colonización do territorio galego pola avespa asiática (Vespa velutina), poñen en evidencia a incompetencia da administración autonómica responsable da conservación da natureza. Pero a estas habería que unir todo un elenco de especies que seguen avanzando sen control polo conxunto dos espazos naturais e en xeral polo territorio galego (Arctotheca calendula, Carpobrotus edulis, Zantedeschia aethiopica, Tritonia × crocosmiiflora). Na actualidade o número de especies exóticas invasoras supera en Galicia ao número de especies protexidas.

Ficha de Zantedeschia aethiopica no Atlas de Flora Exótica Invasora de SGHN

Á vista destas e outras deficiencias salientadas nos dous capítulos anteriores, é necesario e urxente afrontar un cambio de actitudes e aptitudes na xestión dos espazos naturais de Galicia e en xeral en relación coa conservación do Patrimonio Natural, se se quere cumprir cos obxectivos establecidos na Estratexia da Unión Europea sobre a Biodiversidade e nos acordos subscritos polo Estado en relación coa aplicación do Convenio da Diversidade Biolóxica. De non ser así, a conservación do patrimonio natural de Galicia seguirá encallada na cuneta dun mal camiño.