Espazo profundo: Galaxia do Ollo Negro

M64 é unha galaxia espiral situada na constelación de Coma Berenices (A Cabeleira de Berenice). O seu brillante núcleo chamou sempre a atención dos afeccionados á Astronomía, aínda que o máis rechamante é a zona escura que lle deu o nome de Galaxia do Ollo Negro. Ten unha magnitude aparente de 9,4 e o seu tamaño é de 10.7 x 5.1 minutos de arco.

Estímase que se atopa a 20 millóns de anos luz, aínda que non hai certeza diso, xa que non se atoparon variables Cefeidas que nos permitan medir a distancia con maior precisión, pero segundo distintas fontes danse diferentes distancias, que van desde 15 ata 40 millóns de anos luz.

Foi descuberta por Edward Pigott en 1779. Charles Messier descubriuna en 1780 e posteriormente incluíuna no seu catálogo como M64. É coñecida tamén como Messier 64, Galaxia do Mal de Ollo, Galaxia da Bela Dormente,  NGC 4826 e UGC 8.

Unha das súas  carácterísticas máis notables é que está composta de dous discos de gas de aproximadamente a mesma masa, que rotan en sentido contrario. O disco interno xira no mesmo sentido das agullas dun reloxo, e o disco interno faino ao contrario, pero todas as estrelas da galaxia viran na mesma dirección que o gas na rexión central.

Para localizala observaremos o  asterismo coñecido como o Diamante de Virgo, formado polas estrelas Denébola, Arturus, Spica e Cor Caroli, se unimos as bisectrices do rombo cortaranse case sobre M64. Visible cun telescopio mediano, pero de momento podemos vela na foto obtida polos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da  SGHN.

Galaxia do Ollo Negro