Espazo profundo: Galaxia do sombrero

Na constelación de Virgo xusto no seu límite coa constelación de Corvus,  atopámonos cunha das galaxias espirais máis famosas do ceo, trátase de  M104, coñecida popularmente como Galaxia do “Sombrero” polo seu parecido co típico chapeu que adoitan levar os Charros mexicanos.

M104 é unha galaxia espiral non barrada, cunha magnitude aparente de 8, atópase a 29,3 millóns de anos luz da Terra. Ocupa unha área de 8.7 por 3.5 minutos de arco en tamaño aparente, correspondente a un diámetro de aproximadamente 50,000 anos luz, un terzo do tamaño da Vía Láctea. A galaxia está inclinada nun ángulo de só 7 graos con respecto á nosa liña de visión, mostrándonos ese bordo do que recibe o seu nome do “Sombrero”. Tamén é coñecida como Messier 104, NGC 4594, PGC 3132 e UGC 293 entre outros.

O buraco negro central en M104 é un dos máis masivos detectados entre as galaxias máis próximas á nosa. Os estudos realizados utilizando os datos obtidos polos telescopios Hubble e o (CFHT) na década de 1990 revelaron que a velocidade das estrelas próximas ao núcleo da galaxia non sería posible a menos que houbese un obxecto cunha masa de polo menos mil millóns de masas solares. Ten máis de 2.000 cúmulos globulares preto do seu centro.  M104 afástase de nós a máis de 1.000 quilómetros por segundo

Describiuna por primeira vez Pierre Méchain en 1781. No mesmo ano tamén a citan William  Herschel e Charles Messier, pero non foi agregado formalmente ao Catálogo Messier ata 140 anos máis tarde en 1921, polo astrónomo francés Camille Flammarion , que atopou as notas escritas a man de Messier sobre o seu achado.

A primavera é a mellor época do ano para observar a galaxia  do “Sombrero”. Podémola atopar a 11.5 graos ao oeste da brillante estrela  Spica e 5.5 graos ao nordés de Eta Corvi. En noites moi despexadas podemos vela con prismáticos ou cun telescopio pequeno. De momento podedes gozala na foto obtida polos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da SGHN.

Galaxia do Sombrero, na constelación de Virgo