Espazo profundo: Galaxia do Xirasol

Na Constelación dos Cans de Caza (Canes Venatici), atópase a galaxia M63, tamén coñecida como a Galaxia do Xirasol, Messier 63, NGC 5055, Sunflower Galaxy, PGC 46153, UGC 8334, etc. Foi observada por primeira vez o 14 de xuño de 1779 por Pierre Mechain , discípulo e amigo de Charles Messier, que agregou o obxecto ao seu catálogo como Messier 63.

M63 atópase aproximadamente a 37 millóns de anos luz da Terra e ten unha magnitude visual aparente de 9,3, ocupa unha área de 13 por 7 minutos de arco, que corresponde a un diámetro espacial de 135.000 anos luz, un tamaño similar ao da Vía Láctea e calcúlase que a súa masa é aproximadamente a de 150 mil millóns de soles. Trátase dunha galaxia espiral barrada que conta cun pseudobulbo e un arco estelar moi feble pero enorme que se cre son os restos dunha galaxia absorbida fai 5.000 millóns de anos. No seu nucleo atópase un buraco negro cunha masa equivalente a 35 millóns de soles.

M63 é un dos membros do Grupo M51, un grupo de galaxias unidas gravitacionalmente, que leva o nome do membro máis brillante do grupo, M51 (a Galaxia do Remuíño). Tamén inclúe a NGC 5023, NGC 5229 e a galaxia irregular UGC 8331. O 25 de maio de 1971, nun dos brazos espirais da galaxia detectouse unha supernova tipo I, que foi designada como SN 1971I chegando a alcanzar unha magnitude de 11,8.

Como localizala

Para localizala uniremos Alkaid, a estrela da punta da cola da Osa Maior, con Cor Caroli a estrela máis brillante de Canis Venatici, a uns 2/3 do camiño ao longo desta liña atoparemos M63. A estrela que aparece á beira na foto efectuada polos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da SGHN, é HD115270 e pertence á nosa galaxia.

Galaxia do Xirasol