Espazo profundo: galaxia M106

M106 é unha galaxia espiral situada na constelación de Cans Venatici, os cans de caza. Atópase a unha distancia de 23,7 millóns de anos luz, a súa magnitude aparente é de 8,9 e ten unha área de 19 por 7 minutos de arco, o que se corresponde cun diámetro de 135.000 anos luz. É unha das galaxias próximas máis grandes e brillantes, moi parecida en tamaño e brillo á Galaxia de Andrómeda.

M106 é un dos exemplos máis brillantes dunha galaxia Seyfert tipo II, é dicir un potente emisor de raios X, que se cre que son o resultado da gran cantidade de estrelas e gas que viran en espiral e caen nun buraco negro supermasivo central particularmente activo, cunha masa de máis de 36 millóns de masas solares. Atoparonse duas supernovas en M106, SN 1981 K que alcanzou magnitude 16 e SN 2014 bc con magnitude 15.

Foi descuberta polo astrónomo francés Pierre Méchain en xullo de 1781 e incluída no Catálogo Messier en 1947 por  Helen Sawyer Hogg, que a agregou xunto con M105 e M107. Tamén é coñecida como Messier 106, NGC 4258, PGC 39600, UGC 7353, entre outros moitos nomes, dependendo do catálogo.

Próximas a M106 atópanse as galaxias NGC4248 a 22 millóns de anos luz e UGC 7365 a 14 millóns de anos luz, ambas aparecen na foto, a primeira en parte superior á esquerda e a segunda á dereita de M106.

Localizala é moi sinxelo, uniremos cunha liña imaxinaria a estrela Phecda (Gamma Ursae Majoris) coa estrela Chara (Beta  Canum Venaticorum), xusto no punto medio atoparémonos con M 106, poderemos vela como unha ténue mancha nuns bos prismáticos. De momento convidámosvos a observala na foto dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da SGHN.

Galaxia M106