Espazo profundo: M98

Na constelación da Cabeleira de Berenice, moi preto da de Virgo e dentro do Cúmulo de galaxias de Virgo, atópase a galaxia espiral intermedia da clase SAB (s) ab  M98. Ten unha magnitude visual aparente de 10,1 e o seu diámetro angular é de 9,5 x 3,2 minutos de arco e áchase a unha distancia de 60 millóns de anos luz. O seu diámetro é de 126.000 anos luz e calcúlase que ten máis dun billón de estrelas.

É unha galaxia espiral con características mixtas barradas e non barradas con brazos espirais. Ten unha velocidade de rotación de ata 236 quilómetros por segundo, achegándose a nós a 142 qm/s. A estrela que aparece nas súas proximidades é 6 Com de magnitude 5. Foi descuberta polo astrónomo francés Pierre Méchain o 15 de marzo de 1781, Charles Messier determinou a posición do obxecto e agregouno ao seu catálogo o 13 de abril de 1781. Tamén é coñecida como Messier 98,  NGC 4192,  PGC 39028, UGC 7231, entre outros.

M98 é un dos obxectos con menos brillo superficial do catálogo Messier o que o converte nun dos obxectos do catálogo máis difíciles de observar, requirindo para iso de ceos excepcionalmente limpos e escuros, e dun telescopio de máis de 6 polgadas. De momento vos invitamos a vela na foto dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da  SGHN.