Espazo profundo: Nebulosa Crecente

Dentro do Triángulo de Verán na constelación de Cisne, a un terzo de camiño entre as estrelas  Sadr (gamma Cygni) e Eta Cygni, atópase unha  nebulosa de emisión coñecida como a Nebulosa Crecente.

A súa magnitude aparente é de entre 7,5 e 10. Atópase a unha distancia aproximada de 5.000 anos luz. Ocupa unha área de 18 x 12 minutos de arco de ceo, que corresponden a 26 anos luz de diámetro. Foi descuberta por William Herschel en decembro de 1792. Tamén é coñecida como Nebulosa da Media Luna, Nebulosa do Euro, NGC 6888, Sharpless 105 e Caldwell 27, entre outros.

A orixe da nebulosa é unha estrela moi brillante que se atopa no seu centro cunha idade estimada duns 4,7 millóns de anos, que é 3,3 veces máis grande, 15 veces máis masiva e 260.000 veces máis luminosa que o noso Sol. Seguramente sexa unha estrela  binaria cunha compañeira de baixa masa. Está clasificada como unha estrela Wolf-Rayet que expulsa ao espazo a súa capa exterior cun forte vento estelar que entra en interacción co material expulsado fai uns 200.000 anos nunha fase anterior. Queima o seu combustible a un ritmo impresionante, o que fai que a estrela se atope moi próxima ao final da súa vida, que acabará cunha espectacular explosión de  supernova dentro duns 100.000 anos.

É un obxecto relativamente tenue, que require ceos excepcionalmente escuros para ser visto, dado que ten un brillo superficial baixo e só se pode ver nun telescopio de polo menos 200 milímetros, revelando a forma de media lúa ou mesmo o símbolo do euro. De momento convidámosvos a gozala na fotografía dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da  SGHN.

Nebulosa Crecente