Espazo profundo: Nebulosa do Casulo

Na constelación de Cisne, moi próxima ás constelacións de Lacerta e Cefeo, atópase a nebulosa do Casulo nunha zona abarrotada de estrelas. Trátase ao mesmo tempo dunha nebulosa de emisión, reflexión e absorción. Ten unha anchura de 12 minutos de arco que equivalen a uns 15 anos luz, cunha magnitude aparente de 7,2 a unha distancia entre 3.300 e 4000 anos luz.

Atópase preto da estrela Pi Cygni visible a primeira ollada, do cúmulo aberto brillante M39 e do cúmulo aberto NGC 7209 na constelación de Lacerta. A nebulosa escura Barnard 168 é unha parte inseparable da nebulosa do Casulo, xa que forma un carreiro escuro que parece rodeala. É unha zona moi activa de formación estelar que destaca polo seu vermello e resplandecente hidróxeno excitado por moi novas e quentes estrelas. De feito, a brillante estrela BD + 46 3474  situada preto do centro da nebulosa ten probablemente uns cen mil anos, e é a que provoca o resplandor  nebular que parece abrir unha cavidade no pó e o gas do centro da nebulosa. A Nebulosa do Casulo tamén é coñecida como  Nebulosa da Casca, IC 5146, Caldwell 19, Sh 2-125 e sobre todo polo seu nome en inglés Cocoon Nebula.

É un obxecto difícil de observar porque é moi débil. Iso non quere dicir que non se poida facer, pero requírense ceos moi escuros e sen contaminación lumínica. A mellor forma de localizala é unir Pi Cygni con 4 Lacertae e xusto na metade atopamos a nebulosa do  Casulo. De momento convidámosvos a vela na foto dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da SGHN.

Nebulosa do Casulo, na constelacion de Cisne