Na constelación de Orión, na coñecida Espada e un pouco ao norte de Nebulosa de Orión, atópase a coñecida como Nebulosa do Corredor, unha combinación dunha nebulosa de reflexión e unha rexión HII, chamada así pola gran cantidade de hidróxeno atómico ionizado que contén. Atópase a 1600 anos luz e a súa magnitude aparente é de 7.
A nebulosa do Corredor é visible porque reflicte a luz de estrelas azuis recentemente nadas nunha liña formada polas estrelas 45 Orionis, HD 6958 e 42 Orionis. Non ten unha estrutura uniforme e contén espazos de material escuro que adquiren unha forma que lembra a unha persoa correndo, de aí o seu nome. Está composta polas nebulosas NGC 1973, NGC 1975, NGC 1977 e o cúmulo aberto NGC 1981. A nebulosidade máis brillante corresponde a NGC 1977 polo que adoita ser coñecida con esta designación, aínda que todo o conxunto é coñecido como Sh2-279, S279 ou Sharpless 279. Foi descuberta por William Herschel en 1786. No ano 2012 foi descuberto na nebulosa un disco protoplanetario e no 2016 seis máis, debidos á estrela B 42 Orionis, que é a principal fonte de radiación ultravioleta nesta rexión.
A Nebulosa do Corredor é un obxecto popular para os astrofotógrafos afeccionados, pola súa proximidade á Nebulosa de Orión. O contorno do corredor é difícil de percibir visualmente a través de telescopios pequenos, aínda que aparece bastante definido en fotografías, como podemos apreciar nesta magnífica foto do noso colaborador, amigo e xenial astrofotógrafo Raúl Villaverde.
