Espazo profundo: O Eixo do Mal

No hemisferio sur celeste, na constelación da Quilla, atópase a Nebulosa de  Carina e nela achamos unha parte coñecida por algúns astrónomos como “O Eixo do Mal”.

Trátase da Herbig- Haro 666, unha nova estrela con moi mala reputación non só por posuír na súa denominación o número do diaño, senón tamén por que constantemente lanza ao espazo dous potentes chorros de materia capaces de aniquilar todo o que se atope nas súas proximidades. A estrela está oculta nas profundidades da escura nube de gas e po que se mostra na imaxe de luz visible, pero se a vemos en luz infravermella, que penetra as capas de po, móstranos claramente os dous enerxéticos chorros.

Atópase a 7.500 anos luz, foi descuberta en maio do ano 2004 e publicada no “Astronomical Journal”. Tamén é coñecida como HH 666, A Mirada do Demo e Os Alicerces de Po.

Para poder vela teríamos que ir ao Hemisferio Sur, aínda que no sur das illas Canarias veriámola case no horizonte. De momento convidámosvos a disfrutala na foto do Hubble procesada polo noso amigo e colaborador Domingo Pestana, que foi seleccionada o 6 de decembro de 2017, como  APOD (Imaxe Astronómica do Día) pola NASA. E o pasado mes foi seleccionada finalista no Concurso Internacional Astrofotográfico do Royal Astronomical Observatory of Greenwich.

Nebulosa de Carina e O Eixo do Mal