Na fin de semana do 26 e 27 de abril de 2025 SGHN-Ourense organizou senllas xornadas algo diferentes do habitual, as dúas adicadas ás EEIs (Especies Exóticas Invasoras), cós obxectivos de coñecer os traballos que se fan cara á súa eliminación, e poñer en práctica os coñecementos adquiridos.



Especies invasoras a biodiversidade autóctona
Antes de comezar a crónica, é preciso comentar que as EEIs son unha das principales causas de perda de biodiversidade a nivel mundial, pois desprazan ás especies autóctonas e ocupan os seus nichos ecolóxicos. Moitas das EEIs problemáticas nos nosos ecosistemas chegaron ata aquí como mascotas liberadas no medio ou por interese piscícola, no caso da fauna, ou como plantas ornamentais que comezaron a expandirse no medio natural, así que lémbrate de ser responsable nestes ámbitos, porque a liberación de especies alóctonas no medio, aínda que pareza inocuo, pode causar serios problemas aos ecosistemas.



Recordade que a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, define unha EEI como “aquela que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural e que é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, xa sexa polo seu comportamento invasor, ou polo risco de contaminación xenética”. Isto acontece coa mimosa que aparece dende o inicio no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras regulada polo Real Decreto 630/2013, do 2 de agosto. Establece a lei no seu artigo 64 que se elaborarán estratexias que conteñan as directrices de xestión, control o posible erradicación por parte do Ministerio coma das CC.AA. Existe tamén lexislación Europea, o Regulamento (UE) n.º 1143/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, de 22 de octubre de 2014 e galega na Lei 5/2019 no seu artigo 108.



1ª xornada pola comarca do Condado
Así, o sábado 26 de abril desprazámonos ata o sur de Pontevedra (concretamente, á comarca de O Condado) para coñecer os traballos que alí está realizando o Servizo de Patrimonio Natural da provincia para o control e eliminación de Especies Exóticas Invasoras (EEIs), principalmente vexetais. Para isto, contamos coa inestimable colaboración do capataz deste servizo nos distritos ambientais Condado-Paradanta e Vigo-Baixo Miño, Félix Parada Mouriño, quen nos acompañou durante toda a xornada para mostrarnos unha ampla variedade de zonas nas que están actuando ou actuaron no pasado, para así observar os progresos e resultados do traballo de primeira man.
Pola beira do Miño en As Neves
A xornada iniciouse nun lugar do concello de As Neves cunha pequena camiñata que non puido comezar de mellor maneira, pois un grupo de anduriñas das pontes (Cecropis rufula) estiveron a entreternos uns minutos mentres ían chegando os participantes (preme aquí para descargar o listado de especies vistas na 1ª xornada). Despois dos saúdos pertinentes Felix centrou rápidamente o tema da xornada empezando por concretar a súa área de traballo e unhas nocións básicas relativas aos métodos de eliminación e control das especies exóticas invasoras, principalmente vexetais.



A camiñata transcorreu por un agradable sendeiro a carón do río Miño con recurrentes paradas nas que Felix explicaba diversas cuestións sobre as especies exóticas que antes poboaban a zona e que na actualidade foron reducidas considerablemente. A medida que se afondaba no tema quedou ben claro que os métodos que hoxe están utilizándose baséanse na experiencia de longos anos de traballo e da análise detallada dos resultados de cada intervención, ademáis do coñecemento da bioloxía e estratexias invasivas destas especies, especialmente das mimosas.



Tamén comenta Felix as intervención puntuais para retirar fauna exótica´, por exemplo nunha pequena lagoa ao carón do río para asegurar a conservación de dúas especies destacadas: o sapoconcho mediterráneo, Mauremys leprosa e o nenúfar Nymphoides peltata, traballo que se completa coa retirada progresiva dende o bordo da lagoa dunha importante masa de mimosas (Acacia dealbata). Tras facer unha parada para repoñer forzas, voltamos a percorrer o sendeiro á inversa para retornar aos coches e así desprazarnos a outro punto de interese.






Pola beira do Tea
Desde o Miño achegámonos ata o río Tea, un cauce fluvial inzado, ata hai pouco tempo, de mútliples EEIs (Acacia dealbata, Acacia melanoxylon, Crocosmia, Tradeschantia, bambús …), e en palabras de veciños da zona, “o camiño era difícilmente transitable e non se chegaba a ver o río”. Sen embargo, durante 15 anos o grupo de traballo de Félix estivo operando nestas ribeiras ao longo de 40 km
de río (polo tanto, 80 km entre as dúas beiras) para deixalas libres destas especies exóticas, e permitindo que na actualidade se poida desfrutar dun agradable paseo á beira do Tea. Aproveitando a fermosa paisaxe “recuperada” da zona, xantamos todos xuntos na praia fluvial das Pías, para posteriormente percorrer outro treito á beira do río Tea.



Finalmente, un café onde compartimos as nosas opinións e inquedanzas relativas aos temas tocados durante a xornada foi o colofón a esta interesante actividade. Sen máis, é preciso agradecer a participación de todos os socios que acudiron e, especialmente, a Félix por brindarnos as súas explicacións e coñecementos. Sen dúbida, repetiremos en futuras ocasións!!



2ª Xornada: aplicando a teoría en Loña do Monte
Ao día seguinte, colaborando coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Loña do Monte (Ourense) puxemos man a obra para iniciar a erradicación dunha pequena mancha de mimosa (Acacia dealbata) ao pé da Ermida da Virxe do Monte, tratando en principio de evitar a súa expansión, e procurando que a máis longo prazo desapareza a mancha. Porque é precisamente en pequenas manchas e novos lugares de colonización da especie onde podemos ser algo efectivos.






Actualmente a mimosa atópase amplamente naturalizada non só na provincia de Ourense, senon cada vez máis a nivel galego, invadindo as partes baixas e medias da rexión superando xa os 600 m snm. Tamén en puntos diversos da Cornixa Cantábrica, así coma en boa parte do norte e centro de Portugal. Coloniza bosques, matogueiras e terreos baldíos, rexenérase facilmente a partir de sementes e tamén por reabrollamento tras corta ou incendio. As súa sementes (milleiros por planta) son resistentes e forman un banco que pode permanecer no solo durante un longo período de tempo (decenios), xermolando tras un incendio ou perturbación. Ten tamén gran capacidade de expansión en medios máis ou menos alterados por talos subterráneos (rizomas) con capacidade de producir varios rebentos de cada un deles. Crea unha formación densa que impide a entrada de luz a outras especies, e as súas follas teñen potencial alelopático impedindo tamén a competencia, tolera condicións ambientais amplas de acidez, humidade ou nutrientes do solo. Describiuse ocupando todo tipo de ambientes alterados, pero tamén hábitats forestais naturais, impedindo a rexeneración da vexetación natural alterada debido principalmente á súa facilidade para xerminar e rebrotar despois de incendios (que a favorecen) e ao seu rápido crecemento.






Aínda que é difícil, e nalgúns casos, pouco menos que imposible, a súa erradicación total, están moi ben estas pequenas accións en manchas de pouco volumen para evitar que siga a súa expansión, e está na man de calquera de nós; por pouco que fagamos e moitísimo máis que non facer nada.



Despois do traballo da mañá tratando manualmente mediante descortezado a masa das mimosas, e despois dun descanso e o xantar, saímos a dar un paseo polas pistas da contorna para disfrutar das paisaxes e das aves que nos apareceron, destacando as rapaces como a Cobreira europea, a Águia calzada e de remate un Voitre negro voando sobre as nosas cabezas (preme aquí para descargar o listado de especies observada nesta 2ª xornada).



En resumo, de novo dúas magníficas xornadas, con verdadeiros expertos na materia e colaborando na consecución dun mellor medio natural para todos. Unha marabilla!!!! Para repetir … e moitas grazas a todos os que participaron nos dous ou nalgún dos días.


