Recurso de SGHN contra os “controis” do lobo

SGHN ven de presentar diante da Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático un Recurso de Alzada contra “RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se modifica a Resolución do 27 de marzo de 2024 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2024/25” (DOG nº 71, de 11/04/2025), que permite os “controis poboacionais” do lobo.

Argumentos de SGHN contra os “controis”

Antecedentes de feito

  1. O lobo é unha especie clave nos ecosistemas, que favorece a biodiversidade producindo un efecto positivo de cascada trófica.
  2. De acordo cos criterios da UICN, a poboación ibérica de lobos atópase na categoría de “Case ameazado”, próximo á categoría de “Vulnerable”, pola fragmentación en réximes de manexo, a falta dun plan de manexo poboacional, a caza autorizada ou furtiva, os atropelos e o veleno, que están a provocar unha mortalidade anual que podería estar próxima á taxa de reclutamento, impedindo a súa dispersión natural.
  3. É necesaria unha protección estrita de todas as poboacións de lobos da Península Ibérica, como xa están as existentes ao sur do Duero e en Portugal.
  4. Os controis letais sobre o lobo por parte das administracións restan valor á especie diante da sociedade, dan unha sensación de maior impunidade a quen vulnera a prohibición de matalo e aumentan as mortes por furtivismo. Ademais os controis letais sobre o lobo non reducen os danos á gandería (mesmo os incrementan) debido á desestruturación das manadas en relación ao seu comportamento social.

O recurso de SGHN presentouse ao abeiro dos artigos 3, 4 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común.

Voceiro sobre o lobo: aínda segue de actualidade 40 anos despois
  • Divulga ti tamén!