Foxo do Lobo e mámoas no Monte Grande de Bande

Mámoas e lagoas no Monte Grande de Bande

Desta volta plantexouse a visita ao Monte Grande de Bande para coñecer os últimos traballos que se están a facer nesa zona para divulgar os seus valores paisaxísticos e culturais.

A repoboación de piñeiro fíxose no seu tempo sobre o que había sen ter en conta os valores arqueolóxicos e aínda que agora os piñeiros plantados por riba das mámoas foron retirados, permanecen os seus tocóns no alto dos montículos. Neste punto tomamos consciencia da necesidade de ter en conta o gran número de elementos patrimoniais que se atopan espallados polos nosos montes para procurar a súa conservación e consideralos cando se pretendan outros proxectos, p.e. os parques eólicos.

Foxo do lobo das Covateiras

Entre explicacións e paseo ata o foxo de lobo temos oportunidade de ver e escoitar algunhas aves forestais especialmente páridos e pícidos, especies moi importantes no control de plagas forestais.

Xa no foxo de lobo apreciamos a técnica constructiva e entendemos o funcionamento das batidas para a captura deste animal; una acción importante para as xentes tal e como queda patente pola proliferación deste tipo de elementos. Neste punto non se pode menos que falar da especie, avaliar os cambios normativos que lle afectan e a polémica xurdida neste días a nivel nacional.

A visita continúa ata a “Lagoa grande” e sorpréndenos um gran bando de paxaros que chían e voan nerviosos entre as árbores. Por suposto, os “paxareiros” póñense a perseguir ás aves ata que, por fin! determinan a especie: son cruzabicos (Loxia curvirostra), a partir de ahí todos disfrutamos (o que podemos) da súa presencia. Trátase, como se comentou posteriormente, dun gran grupo duns 200 individuos, cousa excepcional pois entre os presentes uns contaban ter visto grupos de entre 2 e 5 exemplares ou como máximo ata 8. Algún dos presentes lembra tamén que hai rexistro de cría probable da especie no Monte Grande, sendo este un dos escasos lugares de Galicia onde hai indicios de cría da especie. Así que quedou patente que se trataba dunha observación excepcional e que coincide cunha irrupción na procura de alimento ligado ao estado de maduración dos piñóns, neste caso de P. sylvestris.

Os “carballos da sementeira” de Bande

Con esta fantástica observación a mañá vai chegando ao seu fin, pero aínda nos queda disfrutar duns fantásticos exemplares de carballo mesmo en Bande. Uns carballos que forman parte do saber popular, sendo a brotación dun ou doutro o que marca o inicio dos traballos da sementeira.

Porto Quintela e Aquis Querquennis

Como complemento para a tarde un paseo polo entorno de Porto Quintela, visitando por libre o campamento fortificado de Aquis Querquennis e as beiras do encoro das Conchas onde non nos sorprende ver o rastro que deixan as cianobacterias, recordándonos a problemática de contaminación difusa na bacía do rio Limia. E lembrando esta problemática finaliza o día coa ilusión de repetir o máis pronto posible outra xornada coñecendo os nosos patrimonios.