Como outras moitas, a industria agroalimentaria esfórzase por amosar unha imaxe sustentable e con métodos de produción “amigables”, pero nas granxas industriais a imaxe e a realidade non sempre coinciden.

O socio de SGHN que fixo estas fotografías non precisou o teleobxectivo dun paparazzi. Bastou un móbil dende o exterior da cancela de entrada dende a estrada local ao carón da explotación.

Dous cadáveres de porcos á intemperie, a pleno sol do mediodía, coa temperatura subindo dende 29 ata 35ºC. Complexo de granxas industriais sen movemento de persoal nesas horas. Imaxes ao carón dunha estrada, a plena luz do día, nunha explotación de porcino dunha importante empresa agroalimentaria, nunha das principais zonas de gandería industrial de Galicia. Qué estará a acontecer no resto?

SGHN ven de remitir á D.X. de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias as imaxes orixinais (sen pixelar os nomes da granxa e a empresa), xunto coa súa localización exacta e o día e hora en que se fixeron. No escrito que acompaña ás fotografías solicitáselle que informe a SGHN:
- Se a situación que amosan as fotografías cumpre coa normativa vixente de xestión de cadáveres en explotacións gandeiras.
- Sobre o número e resultados das inspeccións da xestión de cadáveres feitas nesas granxas e no resto de Galicia.