Así é, o pasado sábado 13-10-2018 SGHN desenvolveu unha nova xornada de divulgación e estudo en A Limia.
Divulgando: SGHN na Festa da Pataca
Invitados polos organizadores da 39ª edición da Festa da Pataca de Vilar de Barrio, SGHN participou cunha charla sobre:
- a desecación da lagoa de Antela, e
- os proxectos de restauración que SGHN esta a levar a cabo por toda A Limia.
A primeira parte baseouse no libro: “A historia de Antela contada por unha cegoña”. Con parágrafos do conto e a explicación do relator deuse un repaso rápido á historia e aos efectos da desecación do lago Beón. Máis este conto remata dun xeito diferente ao habitual: “… e colorín colorado, este conto … coa vosa axuda …. VAI COMEZAR … “

…E pasouse así á segunda parte na cal amosáronse e explicáronse os proxectos que SGHN está a desenvolver por A Limia: Humidal Antonio Villarino, Poza dos arieiros, e en especial a Veiga de Gomareite en Vilar de Barrio, onde grazas a un convenio de custodia do territorio cun gandeiro local SGHN está a traballar na recuperación da superficie orixinal da veiga retirando lixo, entullos e residuos de todo tipo.
Antes que SGHN, Anxo do Sindicato Labrego Galego tivo a grande responsabilidade de falar sobre a utilización dos fitosanitarios, un tema complexo nun entorno no que a economía xira encol do uso cotiá destes produtos.

Nas dúas charlas houbo unha boa presencia de público do lugar e un alto índice de participación e comentarios cós relatores.
Estudando:
Evolución da vexetación no Humidal Antonio Villarino
Antes da charla en Vilar de Barrio, o equipo de SGHN inspeccionou o humidal Antonio Villarino (Vilaseca, Trasmiras) para avaliar a evolución de Eryngium viviparum (cardiño da lagoa) no predio.
En 2015 crearonse os neocauces ou neoregatos para facilitar principalmente a cría de Vanellus vanellus (conícora ou avefría). Pero o deseño pretendía tamén favorecer a outras especies como o cardiño da lagoa, planta ameazada a nivel mundial, con arredor do 95% da súa poboación en A Limia.
Seguemento no Humidal Antonio Villarino Localizando exemplares de E. viviparum
Malia ser un ano relativamente seco, en 2017 constatárase o arraigue de 16 plantas nos neocauces. Despois deste 2018 bastante chuvioso, pasamos toda a mañá inspeccionando os neocauces buscando, medindo e contando os cardiños da lagoa.
Os datos recollidos reflicten o éxito do traballo realizado e a capacidade desta especie pioneira, pois hoxe contamos con máis de 500 plantiñas e algunha roseta dun ano de ata 35×40 cm.
Rosetas de E. viviparum de bo tamaño Recollida de datos
Evolución da vexetación na Poza dos Arieiros
Apretando a axenda aínda houbo ocasión de achegarse ata a Poza dos Arieiros para valorar a evolución do cardiño da lagoa. O primeiro que sorprende é o mantemento dun nivel de agua relativamente alto que fai que as prantiñas aínda estean a florecer. O segundo é a localización de novas rosetas nas zonas remexidas durante as obras de remodelación realizadas.
Aspecto da Poza dos Arieiros Eryngium viviparum aínda en flor
E para rematar compróbase o bó facer dos voluntarios no traballo de control das exóticas invasoras Bidens frondosa e Robinia pseudoacacia.

En resumo, unha xornada ben aproveitada facendo gala do lema da SGHN: estudando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego.