Humidal Antonio Villarino

SGHN recuperará un humidal estacional en A Limia!!! (24-07-2013)

«Só falta que alguén con capacidade de liderazgo e aglutinación de vontades lance o proceso que devolva a Galicia e aos galegos, aínda que sexa en parte, os valores e funcións que se perderon cando se desecou a lagoa de Antela». Esta frase de Delmar Blasco (Secretario Xeral da Convención de Ramsar sobre os Humidais, 1994-2002), resume á perfección a filosofía, o traballo e o obxectivo principal da Sección Antela de SGHN que, dende a súa creación hai dous anos e medio, ven realizando xestións na procura dalgún espazo para un proxecto de restauración ambiental en A Limia.

Aquela idea orixinal, que se plantexou por vez primeira en Xinzo de Limia na presentación de “Un conto de verdade. A historia de Antela contada por unha cegoña” (galego, castelán), comeza a ser unha realidade. Exploraronse distintas alternativas que non poideron concretarse en algo tanxible, pero con cada paso abríronse novas posibilidades e líñas de traballo que agora comezan a dar os seus froitos.

O pasado venres, o Presidente de SGHN asinou o “Documento Administrativo de Enaxenación” formalizando así a adquisición dunha parcela, na paraxe “Escudeiro” da zona de concentración parcelaria de Trasmiras; dándose así punto e final ao proceso iniciado na poxa pública do 25-03-2013 na que SGHN conseguiu a adxudicación dunha parcela, de 12.780 m2, colindante coa ZEPA de A Limia e dentro da súa Zona Periférica de Protección. Na adquisición da mesma investiuse a totalidade dos fondos recadados ata o momento coa venda do libriño solidario “A historia de Antela contada por unha cegoña” e coas doazóns de socios e simpatizantes (xa son máis de 900 BEÓNFEITORES…) recibidas para ese fin; ademais foi precisa unha aportación complementaria de SGHN-Ourense.

Parcela de SGHN na Veiga de Vilaseca (bermello) e ZEPA da Limia (sombreado en violeta)

Coa adquisición do terreo comeza unha nova etapa. O proxecto de SGHN-Antela é aproveitar a potencialidade da parcela, recuperándoa como humidal temporal para favorecer a conservación de ata unha decena de especies de flora e fauna raras ou ameazadas en Galicia, demostrando que é posible e necesaria a convivencia entre a conservación ambiental e a produción agrícola en A Limia. Para lograr ise grande reto SGHN-Antela precisará máis que nunca do apoio e colaboración de todos os que comparten o mesmo soño. Din que “un gran non fai graneiro pero axuda ao compañeiro”, do mesmo xeito “unha pinga de auga non fai un humidal, pero axuda a conseguilo”, velaquí o logrado coas aportacións ata agora recibidas:

  • Cada conto = 3 m2
  • Cada participación en “Á procura do abellaruco” = 5 m2
  • Cada euro de doazón = 1,7 m2

SGHN comezou a recuperación de hábitat da conícora, ameazada de extinción en Galicia (11-10-2013)

O pasado sábado día 5 de outubro, coincidindo co Día das Aves, SGHN-Sección Antela organizou para socios e simpatizantes unha xornada ben fermosa e diferente de conmemoralo: traballando para conseguir a recuperación dun humidal temporal que favoreza a cría e conservación da Conícora ou Avefría (Vanellus vanellus), especie en perigo de extinción como aniñante en Galicia.

Grazas ao apoio de centos de BEÓNFEITORES que permitiu a adquisición da parcela, e coa inestimable axuda dun bo grupo de voluntarios que se puxeron mans á obra, comenzamos a RESTAURACIÓN dunha parcela na antiga VEIGA desougada de VILASECA. Como corresponde nun caso así, esta 1ª xornada iniciouse cun acto protocolario entre a néboa, incluíndo o imprescindible corte da cinta inaugural confeccionada con xestas da mesma parcela. Ademáis do seu simbolismo, o corte da cinta amosaba á perfección o que se pretende facer para recuperar o terreo de veiga, e que iniciamos ao longo do día: desbroce do mato que invadiu a parcela ao desougala e abandonar a gandería extensiva, de tal xeito que a herba volva a dominar a cuberta vexetal, sega da cuberta herbácea para facilitar a súa rexeneración, para que nun futuro próximo comece a transformación da parcela recuperando, na medida do posible, a veiga desougada nesta zona, e, de paso, favorecer a cría e conservación da conícora ou avefría (Vanellus vanellus) e doutra decena de especies de alto interese. Todo iso demostrando que é posible e necesaria a convivencia entre a conservación ambiental e a produción agrícola en A Limia.

Excelente II Xornada de recuperación da parcela de Vilaseca (23-11-2013)

SGHN-Sección Antela organizou para socios e simpatizantes outra xornada para acadar a recuperación dun humidal temporal que favoreza varias especies de flora e fauna de interese na comarca limiá, e en especial facilitar a cría e conservación da Avefría ou Conícora (Vanellus vanellus), especie en perigo de extinción como aniñante en Galicia.

A baixa temperatura do día non amedrentou aos voluntarios que participaron nesta xornada de traballo. Máis ben o frío foi un bó estímulo, tanto porque o traballo axuda a quentar o corpo como porque estas temperaturas indican que se achega a invernada e en poucos días teremos a posibilidade de ver os bandos de conícoras. A poboación invernante desta especie é moi variable ao longo dos anos dependendo en grande medida das vagas de frío en Europa; así, se repasamos brevemente os datos dispoñibles dos nosos censos de invernantes, vemos grandes variacións interanuais como se indica deseguido:

  1. Ausencia de conícoras en anos como 1991, 1995.
  2. Grandes concentracións de uns 1000 individuos en 1997, 1999, e 2009 cun pico de 3308 no ano 2011.
  3. Escasa presenza en 1990, 13 individuos.
  4. Medio cento nos últimos anos 2012 e 2013.

Todos estes datos están moi ben, pero, sen dúbida, o estímulo maior é preparar aínda que sexa unha pequena porción da parcela para proporcionar espacio “extra” ás poucas parellas que aniñan na contorna da finca de SGHN, unhas 5 nos últimos anos. O número pode parecer moi baixo pero hay que ter en conta que os últimos datos dispoñibles sitúan a poboación reprodutora galega nunhas 20-30 parellas, ao redor do 80% delas na Limia e un 20-25% na contorna da parcela de SGHN.

Con este espíritu comezamos a xornada de traballo, e rápidamente repártense ferramentas e cada quen có seu equipo comeza a traballar desbrozando ou recollendo os restos do desbroce. Por certo, os restos da anterior xornada de traballo foron retirados da parcela por un gandeiro de Lodoselo que ten un bó rebaño de pericas tal como se facía antes, esto gracias ás xestións dos nosos amigos do CDR de Lodoselo. Durante a mañá incorporánronse outras compañeiros e, entre algunha avería e o aumento de máns, ocupamos todas as ferramentas dispoñibles e mesmo tivemos que facer turnos de traballo.

III Xornada de recuperación da parcela de Vilaseca (08-03-2014)

Excelente resposta de socios e simpatizantes á convocatoria urxente para continuar o traballo na parcela de Vilaseca. Os responsables da Sección Antela téñenno moi claro, con vontade pódense facer moitas cousas e hai que predicar có exemplo. Así con estas reflexións, máis de vinte socios e simpatizantes afrontaron o traballo na nosa parcela de Vilaseca, có obxectivo de despexar de mato a maior superficie posible para facilitar a cría das conícoras.

Como esta era a última actuación na parcela ata despois do verán, todos os voluntarios afanáronse e puxéronse rápidamente máns a obra e case sen decatarnos chegou a hora de xantar e de tomar un ben merecido descanso no CDR O Viso http://www.cdroviso.org, onde coma sempre nos trataron de maravilla. Mesmo houbo tempo de intercambiar produtos artesáns e de reciclado, a fin de conseguir fondos para poder continuar o traballo de restauración.

Antes de iniciar a xornada da tarde o Presidente de SGHN, comentounos a solicitude que se presentaría días despois na Dirección Xeral de Conservación da Natureza xuntamente coa SGO, solicitando a prohibición da caza da conícora e a becacina, dúas especies coas poboacións reprodutoras en peligro de extinción e Galicia como se recoñece no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007).

Amence na Limia: Humidal Antonio Villarino (09-06-2015)

Aínda que o día do Medio Ambiente debera ser tódolos días esta é unha data especial de celebración sobre todo cando hai algo destacado que festexar como é o caso deste ano, tanto por contar con bós amigos e expertos en diferentes eidos do coñecemento como por ter acadado algúns dos obxectivos previstos. Este ano a saída anual conxunta de SGHN-Ourense, coa Asociación de Estudos de Santa Mariña de Augas Santas e o Ateneo de Ourense foi dende A Limia ata Cualedro para rematar en Medeiros. Pero comecemos polo principio.

O primeiro punto de interese da xornada céntrase nos traballos que está a desenvolver a Sección Antela de SGHN na Limia. Case semella que prolongamos a saída do ano 2014 que rematou nesta misma comarca no Concello de Porqueira despois de visitar as 4 primeiras parcelas alugadas ó Bantegal no concello de Xunqueira de Ambía. Este ano achegámonos ó Concello de Trasmiras pois hai novidades no proxecto da parcela de SGHN en Vilaseca e queremos amosar o noso agradecemento a todos aqueles que nos teñen apoiado e que están a facer posible que este proxecto sexa xa unha realidade.

Dase comenzo oficial a xornada en Abavides coa recepción dos participantes e inmediatamente saímos cara a Vilaseca para ver “in situ” a situación actual da parcela e explicar ós asistentes o que alí se está a facer (ver proxecto). Algúns voluntarios que participaron nas primeiras xornadas de xestión da vexetación foron os primeiros sorprendidos pola enorme transformación da parcela desde a súa primeira visita pois antes a parcela destacaba dos cultivos inmediatos pola vexetación arbustiva e hoxe a parcela está cuberta por vexetación baixa con dominancia das gramíneas. A medida que nos achegamos tamén se observan os montóns de terra acopiados nas beiras da parcela e, claro está, destaca o novo cauce: Impresionante!, quén o diría¡, incrible ¡…

O Presidente toma a palabra para facer unha retrospectiva do que neste lugar ocurriu nos últimos anos, expoñendo o que se está a facer e como foi o proceso; no que tivo unha importancia moi relevante todo o traballo previo da SGHN durante os últimos 35 anos nos que se realizaron moitos estudios de campo e de investigación gracias as inquedanzas iniciais dunha persoa concreta.

Así que este é un acto de homenaxe a esa persoa observadora, incansable e teimuda na defensa do noso patrimonio natural: Antonio Villarino, decano dos naturalistas de A Limia e Presidente de Honra da SGHN a quen a Sección Antela lle dedica este Humidal, así que dende este momento a parcela de SGHN en Vilaseca pasa a chamarse “Humidal Antonio Villarino”.

Humidal Antonio Villarino: un paso máis (18-12-2015)

Aínda que nos gustaría que na primavera de 2016 todo estivese preparado para a tempada de cría, non podemos máis que avanzar lentamente dando pasiños para alcanzar o obxectivo previsto no proxecto a desenvolver na parcela de Vilaseca. Nesta ocasión grazas á inestimable colaboración do CDR O Viso que está apoiando as actividades de SGHN-Sección Antela, ás achegas de socios, simpatizantes e colaboradores e, tamén, grazas ao esforzo dos entusiastas Beonfeitores que participaron na actividade do pasado día 12 de decembro.

A creación de neocauces supuxo un gran avance no desenvolvemento do proxecto co inconveniente derivado da necesidade de depositar os áridos extraídos sobre a mesma parcela tanto pola falta de liquidez como polo atraso nas resolucións do Bantegal en relación a unha parcela colindante a unha areeira onde os áridos utilizaríanse para suavizar os noiros da explotación. A medida que pasaron os meses realizáronse numerosas xestións que fixeron posible afrontar unha nova fase de traballo sendo moi importantes a achega económica do CDR O Viso e a autorización do Bantegal para acopiar os áridos na parcela antes indicada. Así a principios de decembro contratáronse os servizos dunha empresa para a retirada parcial de áridos e o seu transporte ata a zona das areeiras e simultáneamente a distribución de terra vegetal ao longo dos neocauces para a cobertura das beiras. A cobertura das beiras con terra vegetal é extraordinariamente importante porque grazas ao seu elevado contido en materia orgánica contribúe moito á retención de auga, subministra o substrato para a micro e mesofauna da que se alimentan moitas aves, facilita a rexeneración herbácea e proporciona terreo brando que facilitará a alimentación das aves, especialmente dos polos.

O orzamento dispoñible (e algo máis) utilizouse para pagar a excavadora e o camión, así que para o estendido da terra vegetal non houbo máis remedio que organizar unha entretida xornada de traballo na que participaron 17 colaboradores con gran entusiasmo e bo humor.

A xornada amenceu seca e ventilada, condicións moi axeitadas para realizar o traballo previsto que comezou logo dun breve repaso do proxecto e do seu estado actual: “moito cambiou isto desde o principio con aqueles toxos e xestas xigantes”, “esperamos que o mesmo opinen as choromicas”. Cunhas primeiras instrucións enseguida empezou a operación carga/traslado/descarga organizadamente ao longo das canles desmantelando aos poucos os montóns de terra vexetal comezando desde a zona máis próxima á parcela colindante, desfacendo incluso un gran montón amoreado pola excavadora que non puido ser retirado e que formaba un montículo bastante elevado limitando a visión coa parcela veciña.

Logo dunha comilona a base de cocido, con menos persoal e pouco tempo (os días son curtos e a comida foi longa) o obxectivo da tarde parecía demasiado ambicioso e case inabordable: “temos que terminar cos montóns deste lado”, “iso xa se verá”, “é que non imos ser capaces?”. Pois si fomos capaces e xa caendo a noite demos por rematado o último montón de terra mentres recollemos e repasamos o que aínda queda por facer, así que xa aproveitamos para dicirvos que aínda queda moito traballo e que xa pensamos convocarvos para principio de febreiro (en xaneiro estamos liados todas as fins de semana cos Censos de Aves Acuáticas Invernantes) para celebrar o día dos Humedais (V aniversario da creación da Sección Antela) e para axudar a reducir excesos navideños…

Celebrando o Día das Aves 2016 no Humidal Antonio Villarino (10-10-2016)

Un ano máis a Delegación de Ourense e a Sección Antela celebran o día das aves en A Limia dun xeito diferente: traballando polas aves e neste caso dando continuidade á labor iniciada en decembro pasado mellorando o humidal Antonio Villarino. Tendo pasado tantos meses hai que lembrar que os traballos que se están a realizar na parcela están dirixidos a recrear o hábitat axeitado para contribuir á conservación da conícora ou choromica (Vanellus vanellus) aínda que tamén se verán favorecidas outras especies. Con este obxectivo, despois de desbrozar a superficie, creouse un cauce artificial, asolagable temporalmente, de escasa profundidade e con beiras de pendente lixeira. Como resultado da obra retirouse e acopiouse a terra vexetal coa idea de utilizala despois para mellorar a estrutura e textura do terreno nas marxes areosas do novo cauce e seguir con outros proxectos especialmente un que se desenvolverá sobre unha parcela alugada ao Bantegal na zona das areeiras. Nos novos cauces do Humidal Antonio Villarino a cobertura das beiras con terra vegetal é extraordinariamente importante porque grazas ao elevado contido en materia orgánica a terra vexetal mellora moito á retención de auga, subministra o substrato para a micro e mesofauna da que se alimentan moitas aves, facilita a rexeneración herbácea e proporciona terreo brando que facilitará a alimentación das aves, especialmente dos polos da conícora.

O traballo de estendido da terra iniciouse a mediados de decembro do ano pasado aproveitando o tempo seco e xusto uns días antes de que empezase a chover e non parase ata maio. Dado que entre maio e mediados de setembro hai que respetar a tempada de cría tocou agardar ata agora para seguir có traballo iniciado esparexendo os montóns de terra que quedaron distribuidos ao longo da canle. Como podemos supoñer a vexetación este ano medrou bastante e houbo que facer un desbroce previo das zonas de traballo para facilitar a labor dos participantes, e tamén se decidiu prolongar o desbroce despexando as áreas da parcela onde a vexetación arbustiva e as silveiras están a rebrotar despois dos tratamentos iniciais.

Como sempre, a xornada comenza cun resumen da situación, das últimas novidades e dos avances que se están a realizar en A Limia. Có traballo por diante e con moi boa disposición e ánimo dos asistentes, algúns lembran o aspecto da parcela cando se iniciaron os traballos, sobre todo “botan en falla” aqueles toxiños de case tres metros que parecían imposibles de desbrozar.

Así que non queda máis que poñer máns a obra, organizando o traballo e os equipos de actuación para avanzar o máximo posible; eso se, sen desperdiciar ningunha posibilidade de aprender e coñecer algunhas das especies que se atopan na parcela, sobre todo tendo a oportunidade de contar cós nosos compañeiros entomólogos e herpetólogos.

O traballo foi moi ben levado polos paticipantes que empezaron con moito brío dando boa conta das primeiras montoneiras localizadas no centro da parcela. Có paso dos meses e a cantidad de choiva caída a terra estaba bastante compactada aínda que unha vez picados os montóns o traslado era algo máis doado que en decembro pois pasado o verán a terra estaba moi seca e pesaba menos. Aínda así a medida que pasaron as horas empezouse a notar o esforzo inicial e decaeu algo o ritmo de traballo, pero pouco porque aproveitando uns minutiños de descanso os voluntarios puideron ollar algunhas fotos cos resultados dos seus esforzos do ano pasado, como se pode ver nas seguintes imaxes.

As fotografías aportaron moita moral e enerxía ao grupo de voluntarios, que rápidamente se puxeron de novo máns á obra. Finalmente, despois de case 8 horas de traballo efectivo estenderonse 12 dos montóns, moito máis do que esperábamos gracias aos nosos fantásticos colaboradores que traballaron arreo. O final da xornada toca facer reflexión sobre os avances e a grande labor realizada:

  • O 90% do neocauce está excavado.
  • O 50% dos áridos sobrantes están retirados.
  • O 60% da terra vexetal está extendida.
  • O 25% da parcela está desbrozada.

Estase a xestionar a retirada dos áridos sobrantes aínda ubicados na parcela e tamén pode que en breve teñamos medios para darlle outro bó avance ao traballo, a ver se fora posible ter rematado todo na primavera de 2017. En definitiva, unha vez máis outra excelente xornada de traballo en A Limia, disfrutando da compañía e cumplido obxectivos e coa satisfacción do traballo realizado. Moitas grazas beonfeitores!

Día Internacional dos Humidais 2018 no Humidal Antonio Villarino (03-02-2018)

O 2 de febreiro é unha data moi sinalada para a Sección Antela pois celébrase o Día Mundial dos Humidais (Convención de Ramsar, 1997) e a creación da Sección (Ourense, 2011). Así que nesas datas hai moito que festexar. A xornada comenza poñéndonos en antecedentes, para o que utilizamos as fotografías aéreas do vóo americano e as actuais: as enormes modificacións do territorio na comarca limiá nos últimos 60 anos teñen causado a perda de ecosistemas únicos e hábitats de interese para moitas especies de flora e fauna sobre todo as ligadas a medios acuáticos polo desaugamento, as concentracións parcelarias, rectificacións de cauces e desenvolvemento de outras actividades económicas posteriores, entre elas a explotación de áridos nas areeiras. E aquí entra de cheo o traballo da SGHN a través do aluguer de predios ao banco de terras de Galicia (BANTEGAL-AGADER), de acordos de custodia do territorio e da merca dunha parcela. Despois dun percorrido polas charcas das areeiras e pola Veiga de Gomareite, chega o momento de xantar, nesta ocasión en Lodoselo cós nosos amigos do CDR O Viso que tanto nos teñen axudado nestes anos para avanzar no proxecto do “Humidal Antonio Villarino“, quizais o proxecto máis atrevido e novidoso dos que SGHN está a levar a cabo. A colaboración có CDR O Viso é tan forte, que podemos ver en primicia os novos paneis informativos sobre o proxecto que se van colocar nas inmediacións das instalacións do CDR. Cós paneis á vista e mentras chove explícase sobre eles o proxecto, a súa evolución e os valores biolóxicos da zona.

Pero claro, non hai nada como ver o proxecto in situ aínda que sexa baixo a choiva; despois destes anos de traballo hoxe dase por finalizada a última fase de creación de neocauces e remodelación da parcela con lixeiras modificacións sobre o proxecto orixinal. O proxecto “humidal Antonio Villarino” é un claro exemplo de aproveitamento de superficies con escaso  valor agrícola para favorecer a biodiversidade sin interferir coas actividades agrícolas das parcelas colindantes, máis aínda colaborando con algún agricultor para mellorar a súa parcela e tamén ampliar a restauración da de SGHN; demostrando, outra vez máis, que outra limia é posible, entre todos e que como ben dixo Cora Weiss: “Cando soñamos sós, só é un soño. Pero cando soñamos xuntos pode converterse en realidade”.

O Humidal Antonio Villarino en todo o seu esplendor (17-04-2018)

Vilaseca (Trasmiras), 17-04-2018 Unha vez rematados os traballos na primeira semán de xaneiro e coas chuvias das últimas semanas, o Humidal Antonio Villarino creado na parcela propiedade de SGHN na Veiga de Vilaseca está simplemente espectacular, como amosan as fotos.