Incendios e “feitos alternativos”

Desde fai 35-40 anos o número, a extensión, a severidade e a recurrencia dos incendios en Galicia NON se corresponden coas súas condicións climáticas e os seus ecosistemas, senón que se deben a unha actividade incendiaria moi intensa e case permanente. Xeralmente dita actividade incendiaria non desencadea unha vaga de lumes, pois as condicións meteorolóxicas, a humidade da vexetación e os servicios de extinción o impiden. Pero a situación é distinta con seca, calor e vento que, como nos últimos días, facilitan a propagación dos lumes e dificultan o seu control, desbordando unha e outra vez os dispositivos de extinción. De pouco ten servido que desde comezos dos anos 90 os gastos anuais en extinción crezan sen pausa desde 60 ata máis de 170 millóns de euros, pois non se impediu que continúe a perda de vidas e bens humanos, de infinidade de animais queimados vivos, a destrución da vexetación e a paisaxe, a erosión dos nosos montes e a contaminación de ríos, encoros e rías.

Que haxa en Galicia unha alta actividade incendiaria quere dicir que nos enfrontamos a un “terrorismo incendiario”? Non, pero malia todos os datos na súa contra, as teorías conspiranoicas xorden recurrentemente entre os gobernantes de turno en Galicia dende moito antes que Trump puxese de moda os “feitos alternativos”. Non hai evidencia algunha da “actuación criminal de bandas organizadas, que, reiteradamente y por lo común de modo indiscriminado, pretende crear alarma social con fines políticos” (Diccionario da RAE). Nunca se atoparon probas de coordinación, infraestrutura, financiación, motivacións e axentes da “organización”, os incendios nunca son reivindicados, nas zonas máis castigadas (a Galicia interior) os lumes raramente causan alarma social, e ten habido vagas de lumes con gobernos de todas as cores políticas.

Daquela, quere isto dicir que “loitamos contra o imposible”? De novo, esa é outra verdade alternativa para tratar de eludir responsabilidades profesionais e/ou políticas. NON é aceptable que os responsables da loita contra os incendios forestais, que dispoñen dun orzamento de máis de 170 millóns de euros anuais con ese fin (sen dúbida dos máis altos a nivel internacional en proporción ao territorio), digan que é imposible, pois noutras rexións españolas e europeas sí é posible e con moitos menos cartos. NON é aceptable que os responsables da xestión do medio rural, cunha cantidade moi semellante no Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia (1186 millóns para o periodo 2014-20), non invistan estes fondos (aportados nun 75% pola UE) para actuar sobre as causas socio-económicas estruturais que están detras da elevada actividade incendiaria, así como dos gravísimos problemas demográficos do medio rural galego.

Qué podemos facer entón para loitar contra a lacra dos lumes? Concienciar á poboación para erradicar os lumes de orixe humana, o cal por si só permitiría reducir máis dun 90% os lumes en Galicia. Informar aos cidadáns sobre cómo actuar diante dun incendio forestal. Fomentar unha paisaxe forestal diversa en mosaico, con moitos menos piñeiros e eucaliptos e máis frondosas autóctonas. Investir de verdade no desenvolvemento social e ambientalmente sostible, para reverter o avellentamento e despoboamento do rural galego (un dos máis altos de Europa), garantindo calidade de vida para as persoas e un equilibrio entre explotación e conservación do medio natural. Investir máis en prevención, sen esquecer as necesidades de extinción e de restauración das zonas queimadas. E, por suposto, nunca resignarnos: hai que acabar coa lacra dos lumes en Galicia.