Indiferenza da Administración diante das repetidas denuncias polas actividades ilegais das motos acuáticas no LIC Betanzos-Mandeo

A Asociación Cultural O Rabo do Galo, o Grupo Naturalista Hábitat e a Sociedade Galega de Historia Natural veñen de presentar conxuntamente unha queixa diante do Valedor do Pobo e unha denuncia diante do Fiscal Especial de Medio Ambiente pola pasividade das autoridades (D.X. Conservación da Natureza, Delegación do Goberno, SEPRONA, Garda Civil do Mar) fronte as actividades ilegais das motos acuáticas dentro do espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo, facendo carreiras polo xuncal en plena época de cría das aves, con total impunidade. Despois de ter que defender o carrizal de San Xiao para evita-la construción dunha pista e da corta ilegal de hábitat prioritario en Chelo, os veciños, asociacións e entidades conservacionistas non atopan descanso na defensa do espazo natural. A súa protesta vai acompañada dun extenso informe, fotografías e gravacións en vídeo.

As motos acuáticas invaden de novo o espazo natural protexido, facendo carreiras polo xuncal en plena época de cría das aves, con total impunidade. Despois de ter que defender o carrizal de San Xiao para evita-la construción dunha pista e da corta ilegal de hábitat prioritario en Chelo, os veciños, asociacións e entidades conservacionistas non atopan descanso na defensa do espazo natural. A súa protesta vai acompañada dun extenso informe, fotografías e gravacións en vídeo.

A actividade das embarcacións a motor na ría de Betanzos (motos acuáticas, iates e ski acuático) está causando un grave impacto ecolóxico no espazo natural protexido LIC Betanzos-Mandeo, integrado na Rede Natura. Dende primeiros do ano 2008, as entidades ecoloxistas, veciños e asociacións veñen denunciando reiteradamente estas actividades ilegais por vía telefónica, por correo electrónico e mediante sucesivos escritos presentados en rexistro.

Grave impacto ecolóxico

Na primavera deste ano, os pilotos das motos acuáticas seguen a comportarse como vándalos no espazo protexido. Habitualmente, nas fins de semana con bo tempo e marea chea, saen do porto de Sada e se achegan ós xuncais de Mariñán para facer carreiras polas súas canles, nas que atopan varios circuítos con numerosas curvas. Toda esta zona é unha importante área de cría de distintas especies, estando presentes desde a lontra até o rascón de auga, aparte de numerosos alavancos reais e outras aves.

A gran ondaxe que producen as motos acuáticas navegando a toda velocidade nas canles, interrompe a cría, produce abandono de niños e incluso a morte de exemplares que pola súa corta idade non poden fuxir. Tamén impiden o descanso e alimentación das aves migratorias, que buscan na zona un lugar onde repoñer forzas nas súas longas viaxes.

O texto íntegro do comunicado de prensa está dispoñible no PDF Motos_acuáticas_LIC_Betanzos-Mandeo

A gravación das carreiras ilegais pode verse en http://www.youtube.com/watch?v=J9yg9F6cHnw