UN FUTURO PARA AS BRAÑAS

 

Durante a segunda quincena do mes de decembro, a Delegación das Mariñas da Sociedade Galega de historia natural (SGHN) exhibíu unha mostra sobre as Brañas de Sada na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada.

As Brañas son un eixo de traballo prioritario para a Delegación das Mariñas, empeñada en acadar a declaración de Humidal Protexido para este interesante espazo.

A importancia ecolóxica como humidal e como reservorio de biodiversidade, o seu interés etnográfico e histórico e máis o seu potencial como lugar de investigación, como espazo para o lecer da cidadanía e como factor chave na diversificación turística de Sada, fan das Brañas un espazo estratéxico, merecente da súa recuperación e preservación nas mellores condicións posíbles. A mellora da calidade de vida e das expectativas de futuro da cidadanía son as vantaxes de protexer As Brañas.

A exposición consta de once paneis que tratan a orixe do humidal, a importancia mundial dos humidais e da súa protección, o desenvolvemento das telleiras, os valores naturais do espazo así como as ameazas que sofre e, para rematar, unha proposta de futuro para este singular contorno.

A exposición conta co patrocínio do Concello de Sada e máis da Deputación de A Coruña.

Na primeira quincena de febreiro estará no IES Isaac Díaz Pardo de Sada e nos meses de abril e maio no CEIDA (Centro de extensión universitaria e educación ambiental) de Sta. Cruz (Oleiros).