Esta entrada é, en boa medida, consecuencia da búsqueda de información para o debate sobre os incendios forestais organizado por Fragas do Mandeo no cadro das XIII Xornada de Custodia nas Mariñas.
“Cómo as políticas verdes alimentan os lumes en Europa”
No período 2016-2025 os incendios forestais queimaron unhas 292.000 ha de terreo en Galicia, delas unhas 160.000 ha dentro dos espazos naturais protexidos pola Rede Natura 2000. Con máis dun terzo da súa superficie queimada ao longo do devandito período, o impacto dos lumes nos espazos protexidos duplica amplamente o sufrido polo conxunto da superficie forestal galega, da que se queimou ao redor dun 15%.


Estes e outros datos semellantes dos lumes en Europa levaron ao Wall Street Journal a titular “Cómo as políticas verdes alimentan os lumes en Europa” (“How Green Policies Fuel Fires In Europe”) o seu editorial do pasado 2 de agosto no que afirman que “A tráxica ironía é que as políticas ambientais europeas están a provocar que os lumes sexan máis probables e devastadores”.
Velaí unha explicación simple á problemática dos incendios forestais, pero é correcta?
Lumes e Rede Natura en Galicia
A Xunta de Galicia arrastrou os pés todo o que puido para elaborar a súa proposta de Lugares de Importancia Comunitaria (LICs) esixida pola Directiva Aves e a Directiva Hábitats, de obrigatoria transposición e cumprimento ao pertencer á Unión Europea. As dúas primeiras propostas da Xunta (Orde do 28-10-1999, Orde do 07-06-2000) foron tan ridiculamente cativas que nin siquera pasaron de Madrid no seu camiño a Bruxelas. Tan só unha terceira proposta (Orde do 13-06-2002) chegou a superar o filtro do Goberno Central e enviouse á Unión Europea.
Polo tanto, a distribución das superficies queimadas en Galicia durante o período 1990-2001 (imaxe abaixo á esquerda) NON pode ter ningunha relación coa Rede Natura 2000 galega, que non existía, nin coas políticas ambientais europeas. Unha sinxela comparación coas superficies queimadas no período 2016-2025 (imaxe abaixo á dereita) amosa unhas máis que remarcables coincidencias de distribución dos lumes.


A conclusión é obvia: posto que antes e despois da creación da RN 2000 en Galicia se queiman sensiblemente as mesmas zonas, a creación da Rede Natura 2000 e as políticas ambientais europeas pouco ou nada teñen nada que ver coa problemática incendiaria da nosa terra.
Agardemos que o Wall Street Journal saiba máis dos mercados bursátiles que de lumes e políticas ambientais…
