N-120: aprenderán dos erros pasados?

O proxecto do tardo-franquismo que non mudou coa democracia

Din que “Tres cousas hai en Ourense que non as hai en España: o Santo Cristo, a Ponte Romana e As Burgas fervendo auga”. Pero este dito tradicional non impediu que nos anos 70 o novo trazado da N-120 ao seu paso pola cidade de Ourense fose literalmente empotrado baixo a Ponte Romana.

Imaxe na Wikipedia da Ponte Vella de Ourense, coa N-120 atravesando un dos seus arcos

Paralizada durante anos a obra, foi retomada co mesmo respecto co patrimonio natural que o amosado co patrimonio histórico-artístico máis senlleiro. Cando nos anos 80 se someteu a información pública o trazado actual da N-120, a Delegación en Ourense da SGHN advertíu nas súas alegacións que:

  • Destruiría completamente máis dunha ducia de quilómetros ben conservados da marxe esquerda do río Miño.
  • Ao discorrer paralela e adxacente ao río Miño a estrada constituiría unha barreira sobre as poboacións de vertebrados, polo que cabería esperar unha forte mortalidade por atropelo.
  • Pola situación e orientación gran parte do trazado sería vulnerable ás xeadas.
  • Pola topografía o trazado presentaría elevados riscos de corrementos de terras.

Os feitos confirman os piores presaxios de SGHN

Tan pronto como se inaugurou o treito Ourense-Peares, un equipo de SGHN avaliu a mortaldade de vertebrados por atropelo durante un ano completo (1989) e documentou unha elevadísima mortalidade de vertebrados (717 individuos/km/ano de 83 especies, nomeadamente anfibios), sen parangón na bibliografía consultada (PDF do estudo).

Antes de que se cumplira o primeiro ano de funcionamento da estrada, houbo unha colisión múltiple nun treito xeado. Uns días despois a estrada estivo cortada ao tráfico por varios desprendementos de terra e rochas, que se teñen repetido unha e outra vez dende entón.

Que non se repita o mesmo erro e se corrixa o anterior!

Á vista da experiencia previa, no periodo de información pública do proxecto de “Mellora da seguridade vial na estrada N-120. Implantación de carriles adicionais entre os pp.kk. 548,8 e 564,0. TT.MM. de Ourense, Pereiro de Aguiar y Nogueira de Ramuín” Clave: 33-OR-5350, SGHN ven de solicitar que:

  • Se eviten novos danos sobre a ribeira do río Miño.
  • Se permeabilice toda a infraestrutura con pasos inferiores para a fauna terrestre, combinados con barreiras que dirixan a fauna cara a eles para minimizar no posible a mortalidade por atropelo.
  • Se erradiquen as mimosas (Acacia dealbata) que colonizaron as beiras do río e da estrada por culpa da construcción da propia estrada.