O Museo de Historia Natural exporá algúns dos traballos do Club de Origami de Canido

Esta exposición temporal, na que aparecen representados diferentes animais, formará parte dos actos que estamos a preparar con motivo do 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente.

Prestade atención, pois algúns dos traballos do Club de Origami de Canido serán expostos no Museo de Historia Natural en Ferrol. Estes son representacións de diferentes animais (aves, mamíferos, anfibios e réptiles) e algúns seres fantásticos en forma de dragóns e outros.

O Club de Origami de Canido formouse este ano entre persoas con esta mesma inquedanza, e acolle participantes de tódalas idades, co fin de intercambiar coñecementos e curiosidades dentro desta disciplina.

Dende o museo adiantamos que a intención é poder inaugurar esta mostra con motivo do día 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, xunto a outras actividades que estamos a programar dentro do noso eido de acción habitual.

Dende a SGHN lembramos que as actividades do Museo de Historia Natural son financiadas a través das cotas das persoas asociadas á entidade, as doazóns do público visitante, un convenio anual co Concello de Ferrol, e unha subvención para o mes de decembro coa Deputación da Coruña.