A Concellería de Medio Ambiente colabora na conservación e difusión do patrimonio natural galego a través do Museo da SGHN
Na mañá de onte 30 de maio, a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ferrol e a dirección do Museo de Historia Natural da SGHN asinaron un convenio de colaboración por valor de 40.000 € para o patrocinio da súa actividade divulgativa ao longo do ano 2023. Dende hai dous anos o convenio pasou a estar dotado con esta cantidade e entre outras accións recollidas no devandito convenio figuran:
- Atención de visitas presenciais e en liña con centros de fóra de Ferrol, Galicia e incluso España.
- Organización de eventos en forma de cursos, obradoiros e charlas.
- Resolución de consultas por parte da cidadanía, dos centros educativos e outras administracións.
- Exposicións temporais e novas incorporacións aos fondos.
- Publicación de notas e artigos divulgativos e científicos resultado dos proxectos de estudo e investigación.
- Traslado de pezas, tanto para a nova incorporación como na conservación das xa existentes.