Un total de vinte catro chanzos son os que impedían a observación do material exposto no primeiro andar ao público con problemas de mobilidade.
Logo de dez anos nas instalacións da Casa do Coronel no Sánchez Aguilera, propiedade do Ministerio de Defensa e cedidas ao Concello de Ferrol, este último procedeu á posta en marcha do ascensor co que contaba o edificio do museo dende a súa adaptación.
Os traballos permitiron eliminar unha barreira para moitas persoas con dificultade de desprazamento, que viron impedida durante moito tempo a visita completa á mostra nas instalacións que a Sociedade Galega de Historia Natural amosa ao público dun xeito gratuíto.
Este martes, un técnico da empresa concesionaria deixou a punto os seus mecanismos na última das súas visitas. Logo da súa correcta limpeza e adecuación á normativa de acceso e uso das instalacións do museo a causa da COVID-19, o público que o precise xa pode facer uso del. Polo momento non está contemplado o seu uso máis aló das persoas con problemas de mobilidade, xa que ademais os ascensores requiren de moita atención e hixiene, por seren posibles vectores de contaxio do coronavirus.
Ao mesmo tempo, cómpre salientar que o seu funcionamento facilitará e fará posible levar adiante tamén a adecuación dos fondos do museo no resto das instalacións, pois conta cun total de catro paradas nos diferentes andares do edificio, onde tamén se localizan os almacéns e talleres de preparación do material.