Declaración sinada polas seguintes asociacións ambientalistas: ADEGA; Grupo Naturalista Hábitat; FEG (Federación Ecoloxista Galega); SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural); Grupo Lobo; Asociación Betula; REBINXE (Recuperación da Biodiversidade na Xeografía Rural); AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio); SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía); Colectivo Terra
Con 25 anos de retraso a Xunta está a tramitar a principal ferramenta de xestión das Fragas do Eume, o PRUX (Plano Reitor de Uso e Xestión). Cómpre subliñar que este documento, obrigatorio por lei para cada espazo protexido, debería ter sido aprobado no prazo de dous anos logo da declaración do parque, isto é, en 1999.
Esta escandalosa demora da Xunta por dotar de ferramentas de xestión a este emblemático espazo, non é casual. Responde a un desleixo pola conservación dos espazos protexidos en xeral e Fragas do Eume en particular, favorecedor da coñecida política de feitos consumados. No caso do parque natural das Fragas do Eume, a eucaliptización, os aproveitamentos hidroeléctricos, os incendios, os parques eólicos… foron degradando de vez este espazo perante a pasividade da Xunta. Arestora as Fragas do Eume pode considerarse o parque natural pior conservado de toda a Europa atlántica.
Cinco anos sen xuntanza da Xunta Reitora do parque
A actual proposta de PRUX, que en breve iniciará a súa exposición pública, foi recentemente presentada á Xunta Reitora do Parque Natural este pasado 15 de novembro. Na convocatoria, incluiase para a súa aprobación a acta da anterior reunión deste organismo, celebrada en novembro de 2017. Cinco anos sen unha soa xuntanza da Xunta Reitora do parque, e polo medio, incendios, verteduras de Endesa, varios parques eólicos na contorna (recentemente autorizados pola Xunta), e unha continua expansión do eucalipto. Velaí outra clara proba do desleixo da Xunta pola conservación deste espazo senlleiro.
Polo que atinxe aos contidos, novamente esta proposta de PRUX defrauda e fica moi lonxe de garantir a conservación e mellora dos valores naturais das Fragas. A zonificación é manifestamente pouco ambiciosa, establecendo só un 3,34% da área total como zona de reserva, a de maior protección. No resto de zonas (uso limitado, uso compatíbel e uso xeral) permítense a discreción da Xunta case todo tipo de aproveitamentos malia á presenza de hábitats prioritarios e especies que contan cunha estrita protección.
Xestión insuficiente de cultivos forestais e especies invasoras (EEI)
Mais quizáis a proba máis evidente da responsabilidade da Xunta na deterioración do parque é o tratamento das plantacións de eucalipto neste PRUX. No apartado de “Directrices” indícase a este respeito “promover a eliminación de eucaliptos acacias e falsas acacias especialmente na zona de reserva, na zona de uso limitado e nos terreos onde non estivesen cultivadas con anterioridade á data de publicación do PORN das Fragas do Eume mediante o Decreto 11/1996, do 2 de maio”. E que acontece coas masas que fican dentro do parque natural e estaban plantadas antes de 1997? Pois que son amnistiadas pola Xunta para que sigan sendo foco de invasión e degradación do bosque atlántico polo que As Fragas foron declaradas parque natural.
Tamén e a respeito do eucalipto, atopamos no apartado de “Usos prohibidos”: “A presencia nos 15 m das ribeiras, de pinos, acacias ou eucaliptos en cursos de auga de a lo menos 2 m de ancho”. Estes 15 metros a cursos fluviais nos que se prohibe o eucalipto xa foi establecido hai 10 anos na Lei 7/2012 de Montes, e é de aplicación xeral en todo o territorio. Un parque natural, polos excepcionais valores que acubilla, non pode ser xestionado como se fora un monte calquera, sobre todo no que atinxe á presenza do eucalipto, principal factor de degradación das Fragas.
Tamén chama a atención que no PRUX non haxa sequera unha medida relativa ao encoro da Capela. Unha infraestrutura que representa unha infranqueábel barreira ecolóxica e que a concesionaria manexa como unha billa particular, orixinando periodicamente graves verteduras, contaminación de traídas e mortandades piscícolas no Eume.
Só está previsto investir 2 millóns de € en 10 anos
E no capítulo de investimentos a Xunta prevé adicar tan só 2 millóns de € en 10 anos, dos que para medidas de conservación irán 540.000, isto é apenas 54.000 € por ano, cifra manifestamente insuficiente para atender ás necesidades reais do parque e garantir a súa viabilidade. Tampouco hai orzamento algún para a merca de terras, considerando que o 80% do parque está en mans privadas, nen para medidas compensatorias e a mellora da calidade de vida dos seus habitantes.
Esta proposta de PRUX representa en definitiva a renuncia da Xunta a conservar os valores naturais das Fragas do Eume e a garantir o seu futuro. É a constatación da incapacidade dunha administración para xestionar os conflitos e defender os intereses públicos, e a proba da súa claudicación fronte ao lobby do eucalipto e as enerxéticas. As entidades que asinamos este documento proporemos durante a exposición pública do PRUX e tamén nos organismos consultivos nos que estamos representadas, profundas modificacións normativas e orzamentarias para evitar a irreparábel degradación que a Xunta decreta para as Fragas do Eume con este documento.