O raposo, en declive sostido?

Nos últimos días véñense de publicar as cifras proporcionadas pola Xunta de Galicia sobre o número de raposos abatidos nas catro últimas tempadas de caza para as que hai datos: 17.044 en 2018-19, 15.728 en 2019-20, 14.909 en 2020-21 e 13.848 en 2021-22 (máis…).

Cun R2=0,992, os datos axústanse case á perfección (o máximo valor posible é R2=1) a un declive lineal sostido. Non é preciso ser un experto en informática ou en estatística para visualizar esa tendencia: basta con copiar os datos nunha folla de cálculo e logo pedirlle que cree automáticamente un gráfico de dispersión no que inclúa a fórmula da liña de axuste.

Evolución do número de raposos abatidos nas últimas tempadas de caza en Galicia

Hai dúas posibles explicacións para estes datos. A primeira é que a presión cinexética sobre a especie estea a diminuír de xeito sostido, o cal non semella ser o caso. A segunda é que as poboacións de raposo estean a diminuír continuadamente. Neste caso, fose por un incremento da mortalidade natural ou por unha (máis que probable) presión cinexética insoportable pola especie, unha D.X. de Patrimonio Natural competente e que honrase o seu nome xa se tería decatado desta tendencia e, aplicando o principio de precaución, xa tería adoptado medidas para garantir a conservación da especie. Lamentablemente, os galegos padecemos unha D.X. CONTRA o Patrimonio Natural e unha Consellería ANTI Medio Ambiente.