Os Centros de Estudos Galegos abren o Museo de Historia Natural ao mundo

Mediante unha actividade conxunta de conexión en liña entre os Centros de Estudos Galegos e o Museo de Historia Natural da SGHN, deuse a coñecer a mostra expositiva deste museo situado en Ferrol (A Coruña).

O Centro de Estudos Galegos, presente en varias universidades internacionais e cunha ampla bagaxe na difusión da cultura galega, fixo posible a participación ao unísono na actividade dende varios dos seus centros. A conexión, que durou arredor de 1 hora e 30 minutos, achegou as pezas que conforman a mostra tanto á Universidade Nova de Lisboa (Portugal), coma á Universidade de Río de Xaneiro (Brasil) e á Universidade de Granada aquí en España. Cabe mencionar que estas tres facultades levan a cabo, nos últimos meses, unha extensa actividade no tocante a este tipo de eventos culturais.

Esta actividade é posible grazas á colaboración da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ferrol, que patrocina este tipo de accións. Ata o momento e dende o pasado mes de marzo, estábanse a ofrecer conexións en liña aos centros educativos galegos e, se ben atendían outras solicitudes por parte de establecementos de ensino de fóra de Galicia ou dos Campus de Ferrol e da Coruña da Universidade Senior da UDC, non foi ata esta ocasión cando resultou posible chegar tan lonxe con esta actividade.

Durante a mesma, da man de Pablo Torrella, un dos guías do museo, o alumnado participante foi quen de coñecer os exemplares que conforman actualmente a exposición que alberga SGHN no seu espazo. A conexión serviu para amosar as diferentes especies expostas e o seu valor ecolóxico, etnográfico e patrimonial, pois déronse a coñecer os diferentes nomes galegos de moitas delas, tal é o caso dalgúns peixes, quenllas, paxaros, escaravellos (como o escornabois ou vacaloura), os bugallos, etc.

Xa rematada a visita, houbo tempo para resolver as dúbidas formuladas polo alumnado, quen ademais tivo a ocasión de expoñer e dar a coñecer o seu punto de vista nalgúns asuntos vencellados á ecoloxía e ás boas prácticas en prol do medio ambiente no seu país de orixe.