Os representantes do movemento ecoloxista non asistirán á reunión do COGAMADS

Os representantes de ADEGA, a Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Historia Natural, non asistirán á reunión do COGAMADS convocada para o venres 31, tras dous anos sen ter sido atendida a súa lexítima solicitude de que se debata no Consello acerca dos efectos ambientais dos numerosos proxectos eólicos en tramitación.

A Constitución sinala, no artigo 45, ao medio ambiente como un ben xurídico de cuxo goce son titulares todos os cidadáns e cuxa conservación é unha obrigación que comparten os poderes públicos e a sociedade no seu conxunto e que todos teñen o dereito para esixir aos poderes públicos que adopten as medidas necesarias para garantir a axeitada protección do medio ambiente, para gozar do dereito a vivir nun medio ambiente san e indica que todos teñen a obrigación de preservar e respectar ese mesmo medio ambiente. A lexislación obriga a canalizar esta participación a través de procedementos e organismos, como o COGAMADS.

Pero a Consellería do Medio Ambiente ven impoñendo ao COGAMADS un ritmo de funcionamento que ten convertido a este órgano nunha pantomima, moi lonxe de ser o órgano consultivo e de participación e asesoramento, non é máis que un instrumento da Consellería para exhibir a fachada as súas políticas e decisións pero, iso si, que a ninguén e menos a un defensor do medio ambiente se lle ocorra intentar participar.

O que debería ser o órgano que canalizase a participación da sociedade, é unha estrutura na que, lonxe de recoller a participación e as proposicións dos seus membros, se despreza calquera aportación que non sexa sintónica coas actuacións da Xunta. As intervencións do sector ecoloxista non so non sido tidas en absoluto en conta, son contestadas con falsidades e demagoxia e as súas proposicións nunca son escoitadas. O funcionamento do COGAMADS é irregular e pretende bloquear e ignorar o dereito recoñecido pola lexislación e pola propia constitución á participación cidadá en asuntos do medio ambiente.

Así, nunha reunión de xaneiro de 2022, a presidencia do COGAMADS, que ocupa a Conselleira do Medio Ambiente, non atendeu a solicitude dos vogais ecoloxistas e do Sindicato Labrego Galego para someter a votación no pleno un acordo sobre a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico de Galicia así como da derrogación das Leis 5/2017 e 9/2021; aliás da elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego. Na orde da seguinte xuntanza en maio dese ano, comprobamos que non figuraban, malia a telo solicitado, o debate e valoración das propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica que xa foran furtadas do debate na reunión de xaneiro. Dende entón os representantes do movemento ecoloxista non temos participado, e así llo temos comunicado, explicando as nosas razóns á Presidenta.

Á vista de que na convocatoria deste venres, segue sen recollerse a solicitude presentada formalmente e reiterada, amosando así a vontade de continuar co funcionamento distópico do órgano e non permitir a participación dos representantes do movemento ecoloxista galego, declinamos unha vez máis a nosa participación e solicitamos un cambio para que, segundo o mandato das leis e do propio decreto 74/2006 que crea e regula o COGAMADS, este sexa un órgano que sirva para “elaborar propostas sobre cuestións de sustentabilidade por iniciativa dos membros do consello” e para “servir de canle de participación e diálogo permanente entre os interlocutores sociais” e tamén para “canalizar demandas e propostas relativas a sustentabilidade, procedentes de asociacións e institucións no ámbito da comunidade autónoma”