Resume da 7ª Quedada no Museo (QnM)

Resume da 7ª QnM e adianto da seguinte do 24 de maio

Tal como podemos ver no resume en PDF, nesta 7ª QnM tivemos a sorte de contar coa boa participación de Marta Pego Niño, alumna que realiza as súas prácticas do Grao de Bioloxía no MHNF. Marta estase a especializar no bonito eido da botánica, e aproveitamos a súa estadía para pedirlle que fixera un inventario da flora salvaxe do xardín. Case nada… Pois saíron cando menos un total de 60 especies de plantas vasculares, entre as que salientamos a presenza por enriba de todas da orquídea Dactylorhiza elata (Poir) Soó, un taxón que se atopa no estatus de conservación “case ameazada” baixo ocriterio UICN. Marta comentou durante a súa presentación que este proxecto terá continuidade debido a que moitas especies aínda non floreceron e é precisamente aí, nas flores, onde imos atopar polo xeral os seus caracteres determinantes, así que toca agardar e continuar…

De seguido, o socio Pablo Torrella falounos dun escaravello que está presente nas dunas e que para moita xente pode resultar descoñecido: Eurynebria complanata (Linnaeus, 1767),  unha especie moi localizada en Galicia, onde as súas poboacións están a minguar por sufrir diversas afeccións. Pablo comentou durante a súa presentación que hai anos fixo un seguemento desta especie na costa de Bergantiños. A súa finalidade, nun principio, foi obter datos para un estudo moito máis pormenorizado sobre a bioloxía e a ecoloxía da Eurynebria na costa de Galicia. Xunto a outros que tiña espallados polo territorio galego, estes rexistros viron a luz nun pequeniño traballo publicado conxuntamente no 2011 xunto ao seu colega Manuel Arzúa. Durante a presentación, Pablo compartíu tamén un póster que preparou sobre esta especie e que aproveitou para realizar as pertinentes explicacións. Dito póster é divulgativo e podémolo descargar na ligazón que figura no PDF neste mesmo apartado onde falamos deste singular escaravello.

Como vén sendo habitual, adiantamos que para aseguinte QnM do venres día 24 deste mes, o biólogo Carlos Brezmes falará da importancia científica das coleccións históricas nos museos de Historia Natural e, concretamente neste museo, fará o propio coa colección do Contralmirante Claudio Montero y Gay (1824-1885) aquí presente. A participación de Carlos Brezmes incluirá unha visita guiada ás vitrinas da magnífica colección de cunchas de Filipinas de Montero y Gay, doadas ao MHNF no ano 2003 pola familia San Román.