“Parque eólico da Biosfera” Terras do Miño

Nas Reservas da Biosfera, as “zonas núcleo” están constituidas polos ecosistemas mellor conservados e máis representativos da Reserva, polo que gozan da maior protección legal que únicamente permite actividades compatibles coa conservación da paisaxe, os ecosistemas e as especies que contén. As “zonas tampón” rodean ás zonas “núcleo” e as actividades que nelas se desenvolven están organizadas de tal xeito que non sexan un obstáculo para os obxectivos de conservación das zonas núcleo.

Ao longo de 2011 a Xunta de Galicia comezou a tramitación ambiental de quince parques eólicos no ámbito da Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, catorce dos cales se situarían en “zonas tampón” cun total de 156 aeroxeneradores, a meirande parte dos cales terían unha altura de 99-120 m ata o buxe e un diámetro dos rotores de 101-112 m, pero algúns, precisamente no bordo mesmo dunha “zona núcleo” terían alturas de 120 m ata o buxe e diámetro dos rotores de 150 m polo que acadarían unha altura total de 195 m.

Por iste motivo, SGHN ven de solicitar á Presidenta do Comité Español de Reservas da Biosfera (a Ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño) que se realice de forma urxente e inmediata unha avaliación científica e obxectiva sobre o impacto desta avalancha de parques eólicos sobre o estado de conservación dos tipos de hábitats de interese comunitario e especies de flora e fauna estrictamente protexida no ámbito da Reserva da Biosfera de Terras do Miño. SGHN solicita tamén que o seu escrito, e os informes que do mesmo se desprendan, se teñan en conta no proceso de avaliación decenal da Reserva da Biosfera de Terras do Miño, e sexan remitidos en consecuencia aos departamentos da UNESCO e da Rede Mundial de Reservas da Biosfera.

Os parques eólicos salientados cun asterisco atópanse total ou parcialmente dentro dunha zona tampón da Reserva da Biosfera. Para os aeroxeneradores dase a potencia unitaria en megavatios e as dimensións en metros.