Planta de puríns de Sarreaus: legalmente cuestionable

O proxecto

Mediante anuncio no DOG nº 70, do 13-04-2020, a D.X. de Calidade Ambiental e Cambio Climático someteu a información pública a autorización ambiental integrada da “Planta de tratamento de residuos non perigosos (RNP) Sarreaus” (Ourense). O obxectivo é reformar e reabrir o antigo “Centro Tecnolóxico Medioambiental” para tratar 100.000 toneladas/ano de puríns de porco, ampliado cunha planta para compostar a fracción sólida do purín xunto con esterco de galiña. O periodo de información pública estivo paralizado polo estado de alarma ata o pasado 4 de maio, polo que non remata ata primeiros de xuño.

Incumprimento da lexislación de impacto ambiental

TODA a lexislación, pasada e presente, sobre avaliación de impacto ambiental (Directiva 2014/54; Ley 21/2013):

  • Obriga a “realizar unha avaliación ambiental con carácter previo de todo plan, programa ou proxecto que poidan ter efectos significativos sobre o medio ambiente.”
  • Considera infracción grave o inicio da execución dun proxecto sen haber obtivo previamente o informe de impacto ambiental.

A realidade é que unha boa parte das obras das novas instalacións e reforma das existentes xa estaban realizadas o pasado día 7 de maio. O proxecto non só carece do informe de impacto ambiental, senón que o periodo de información pública aínda esta aberto!! Polo tanto, a empresa promotora tería incurrido nunha infracción grave da Ley 21/2013.

Imaxe da nave de compostaxe a medio construir o 07-05-2020
Panorámica da nave de compostaxe a medio construir e a planta de puríns o 07-05-2020
Panorámica da nave de compostaxe a medio construir e a planta de puríns o 07-05-2020

Incumprimento da lexislación sobre residuos de orixe animal

O Regulamento (UE) nº 142/2011 sobre as disposicións de aplicación das normas sanitarias aplicables aos subproductos animais establece a necesidade dun quentamento mínimo (70 ºC durante 1 hora) durante a compostaxe e o cumprimento da norma microbiolóxica para os composts. Pero no proxecto non se contemplan sistemas de control de temperaturas nin de verificación do cumprimento dos requisitos microbiolóxicos. Tampouco un sistema de trazabilidade dos produtos que entran na planta de valorización nin o destino dos productos trasformados.

A planta de tratamento de puríns e compostaxe que se pretende reformar e reabrir atópase a carón dun macro-complexo de granxas industriais de porcino e avícola. Polo tanto, no proxecto son de aplicación o Real Decreto 1084/2005 e o Real Decreto 306/2020, que establecen unha distancia mínima de 500 m entre este tipo de instalacións de procesado de residuos gandeiros e as granxas avícolas e de porcino. Pero a planta de procesado de puríns e a de compostaxe incumpren por moito esa distancia mínima coa metade das granxas de porcos e polos do macro-complexo de gandería industrial adxacente. Polo tanto, a coexistencia da planta de tratamento de residuos gandeiros e esas granxas non sería legalmente posible.

Planta de puríns de Sarreaus (esquina superior esquerda) e perímetro mínimo de exclusión de granxas (sombreado vermello) dende o estremo da planta de compostaxe prevista.

Outras eivas do proxecto

  • Todas as instalacións existentes a reformar e a nova planta de compostaxe atópanse nunha das zonas con maior risco de inundación (periodo de retorno de 10 anos) non só de toda a chaira limiá, senón de toda a Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil.
  • Descoñecense as emisións de metano e óxidos de nitróxeno (potentes gases de efecto invernadoiro), nin as de amoníaco, nas instalacións proxectadas.

As solicitudes de SGHN

  • Que a D.X. de Calidade Ambiental e Cambio Climático actúe contra os responsables do proxecto por infracción grave da lexislación vixente de avaliación de impacto ambiental.
  • Que a D.X. de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias NON autorice o proxecto por NON cumplir os requisitos establecidos na lexislación vixente sobre granxas e plantas de tratamento de residuos de orixe animal.
  • Que a D.X. de Calidade Ambiental e Cambio Climático NON autorice a reapertura da planta de tratamento de puríns e a construcción dunha planta de compostaxe de residuos gandeiros, nin na ubicación proxectada nin en calquera outro emprazamento dentro da zona de risco de inundación cun periodo de retorno de 10 anos.