O vindeiro venres 9 de maio, ás 19:30 no auditorio do Museo de Historia Natural (Praza de Canido s/n de Ferrol), terá lugar a presentación da segunda edición da obra por parte do propio autor Rafael López Loureiro, que achegará a súa obra ao público ferrolán.
A gaivota de Claudiniño, e o Gorrión da praza é un fermoso relato xermolado no berce da súa propia historia familiar escoitada na casa dende a súa nenez, e convertida finalmente neste libro que conta con fotografías do propio autor e que vén editado por Remo Revolución, S.C.D.R.
Os beneficios da súa primeira edición foron dedicados á Asociación de Axuda á Infancia Oncolóxica de Galicia (ASANOG); o autor dedicará os da segunda edición a apoiar o labor da delegación de Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN-Ferrol), en recoñecemento ás súas actividades.

Sobre o autor
Rafael López Loureiro (Cedeira, 1954) é mestre xubilado, naturalista, divulgador e escritor. Puxo en valor a figura de Frei Martín Sarmiento como primeiro naturalista galego, e fixo precisamente aquí ante nós, no auditorio do Museo de Historia Natural da SGHN, a súa proposta para a declaración do día 9 de marzo como “Día do Naturalismo Galego”.
