Presentación do libro “Ser Cetáceo”

O  vindeiro venres 26 de abril ás 19:30 horas no Museo de Historia Natural de Ferrol, terá lugar a presentación do libro “SER CETÁCEO” do escritor Francisco X. Fernández Naval, que estará acompañado polo delegado en Ferrol da SGHN, Xan Rodríguez Silvar.

O libro está publicado pola Editorial Bululú. Esta é unha obra inclasificable, a recompensa dunha vida adicada ao estudo, as reflexións dun experto coñecedor do tema que consegue engancharnos e sorprendernos coa súa capacidade de relacionar todo o que nos define como humanos cuns seres tan especiais e próximos como son os cetáceos, que influíron e inflúen nas nosas existencias dun xeito que nin sequera podemos sospeitar.Estes son os seres que serven de fío condutor nesta viaxe, os que nos levan dende os gravados nas pedras paleolíticas até a súa caza e explotación nun pasado recente.

Sobre o autor

Francisco X. Fernández Naval (Ourense, 1956). Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación. Poeta e narrador, traballa os variados ámbitos da escrita: novela, relato, poesía, literatura infantil e xuvenil, ensaio, literatura da natureza e de viaxes, teatro, guións de cine e televisión e artigos en publicacións colectivas, xornais e revistas galegas, españolas, portuguesas e americanas.

En 1980, co seu primeiro libro de poemas, A fonte abagañada, gañou o premio de poesía Cidade de Ourense e en 1988, coa primeira novela, O bosque das antas, recibiu o premio Xerais. Dedicou dous ensaios a análise da figura de Julio Cortázar e a súa relación con Galicia: Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar e O soño galego de Julio Cortázar, o primeiro publicado en castelán en Bos Aires pola editorial Corregidor, o segundo gañador do premio Ánxel Casal do ano 2014.

A novela A noite branca recibiu o premio Irmandade do libro ao mellor libro galego de 2012 e Os contos da avoa Pepa o de mellor libro infantil de 2018.

Entrada libre ata completar o aforo.