Prioridade inversa na conservación ambiental

Protexer un eucaliptal…

No COGAMADS celebrado onte, a Consellería de Medio Ambiente presentou o “Decreto polo que se aproba o Plan de conservación do Monumento Natural o Souto da Retorta, no Concello de Viveiro (provincia de Lugo)”. Tamén coñecido como “Eucaliptal de Chavín”, é un monte de dominio público, propiedade da Xunta de Galicia. Hai 20 anos foi declarado Monumento Natural (Decreto 77/2000) “pola existencia dun extraordinario rodal de eucaliptos (Eucalyptus globulus Labill.) con algún pé dos de maior envergadura de Europa, entre eles o exemplar coñecido como “O Avó”. Posteriormente, o eucaliptal e “O Avó” declaráronse “formación senlleira” e “árbore senlleira”, respectivamente (Decreto 67/2007).

Sen despreciar en absoluto o seu valor dende un punto de vista da xardinería, non deixa de resultar rechamante tanto interese dunha Consellería, supostamente de Medio Ambiente, para protexer un rodal de árbores exóticas (e invasoras) sen ningún valor ambiental en Galicia, a máis de 15.000 km de distancia da súa área de distribución natural.

… esquecer a biodiversidade e os parques naturais

Máis rechamantes son as comparacións que deixan en evidencia as sorprendentes prioridades en conservación da presunta Consellería de Medio Ambiente:

  • 71 das 74 especies catalogadas en perigo de extinción hai 13 anos (Decreto 88/2007) aínda carecen de preceptivo Plan de Recuperación. Ao ritmo actual farían falla máis de 400 anos para que todas o teñan.
  • 118 das 119 especies catalogadas como vulnerables hai 13 anos (Decreto 88/2007) aínda carecen de preceptivo Plan de Conservación. Ao ritmo actual farían falla máis de 1300 anos para que todas o teñan.
  • O Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, 28 anos despois da súa declaración (Decreto 139/1992) aínda carece do correspondente Plan Rector de Uso e Xestión, sometido a información pública hai máis de 2 anos.
  • O Parque Natural das Fragas do Eume, 23 anos despois da súa declaración (Decreto 218/1997) aínda carece do correspondente Plan Rector de Uso e Xestión, en tramitación dende hai 6 anos.

Visto o interese da Consellería de Medio Ambiente por protexer os eucaliptais, semella tan só cuestión de tempo que aprobe o PRUX do P.N. das Fragas do Eume, onde entre 1998 e 2011 a superficie cuberta por eucaliptos aumentou un 19% (Cidras, 2018). Certo é que no mesmo periodo a superficie da fraga atlántica que supostamente protexe diminuiu nun 18%. Pero bastaríalle con cambiar un palabra no nome: Parque Natural do EUCALIPTAL do Eume.

Panorámica do PN das Fragas do Eume despois do incendio de 2012 que evidencia a superficie ocupada polos eucaliptos (máis afectados polo lume que a fraga atlántica).