Un PRUX deficiente e ilegal
SGHN ven de solicitar que se desbote o borrador de PRUX do PN de Corrubedo (PDF) sometido ao trámite de exposición pública pois:
- Vulnera a normativa da Unión Europea (Directiva Aves, Directiva Hábitat), española (Ley 42/2007) e galega (Lei 9/2001) e a lexislación europea e estatal de Avaliación de Impacto Ambiental. Un PRUX non pode conter criterios e directrices contrarias aos obxectivos e obrigacións das figuras de protección do espazo natural.
- Ilegalmente, pretende subordinar o PRUX ás directrices do PXOM de Ribeira, non adaptado á normativa urbanística galega nin sometido á avaliación ambiental esixida pola Directiva Hábitat Así, preténdese desvirtuar as medidas de protección e conservación establecidas na declaración do Parque (Decreto 139/1992), no seu PORN (Decreto 148/1992) e no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Decreto 37/2014), vulnerándose abertamente a Ley 42/2007.
- Contempla determinacións contrarias ás obrigas de conservar este humidal protexido de Galicia (Decreto 127/2008) e de importancia Internacional do Convenio de Ramsar.
- Pretende rebaixar o grao de protección do Parque Natural establecido nos PORN (Decreto 148/1992; Decreto 37/2014) alterando a zonificación e as directrices de urbanismo, ordenación territorial, infraestruturas e obras. Esta pretensión é ilegal pois un PRUX non ten competencias para contradicir a un PORN.
- Incumpre a Ley 21/2013, pois o PRUX non se someteu a avaliación ambiental estratéxica.

Peticións de SGHN
Por estes motivos SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (PDF) que:
- Se desbote totalmente o PRUX do PN de Corrubedo.
- Se depuren as posibles responsabilidades na DX de Patrimonio Natural por validar o documento e permitir a súa tramitación.
- Se inicien os traballos para elaborar un PRUX do PN de Corrubedo:
- Adaptado á lexislación vixente de rango superior (para evitar unha declaración de nulidade en instancias xudiciais).
- Que garanta a conservación dos compoñentes da biodiversidade e xeodiversidade polos que se declarou o Parque Natural.