PRUX do PN do Invernadeiro

SGHN considera que o borrador de PRUX do PN do Invernadeiro é deficiente, insuficiente e mesmo alegal/ilegal (PDF) .

Un PRUX deficiente

  • A extensión dos capítulos non é coherente co agardable nun PRUX. O plan de emerxencias con 41 páxinas é case tan extenso como á Memoria (45 páxinas), pouco menos que ás Medidas de xestión (55 páxinas) e dez veces máis que o Programa de actuacións (4 páxinas) e o Sistema de seguimento e avaliación (4 páxinas).
  • A cartografía aportada ten unha calidade lamentable e non permite visualizar con claridade a información.
PN do Invernadeiro
PN do Invernadeiro

Un PRUX insuficiente

Se ben un PRUX non pode modificar a zonificación establecida no PORN, bótase en falla unha análise crítica da mesma. Sería desexable que se plantexase a necesidade de avaliar unha ampliación do Parque Natural para subsanar, entre outros problemas, o feito de que a zona de reserva integral deixa fóra a cabeceira dos principais cursos fluviais e limita directamente cun couto de caza, sen franxa algunha de amortecemento de impactos.

Resulta incomprensible que non se inclúa a conservación da xea entre os obxectivos específicos, malia que o Parque contén 17 Puntos de Interese Xeolóxico. En canto á biodiversidade, o PRUX do PN do Invernadeiro non contempla criterios suficientemente estritos para as especies invasoras.

Os impactos das infraestruturas

A apertura de novos desmontes, gavias ou viarios debera estar prohibida no interior do Parque Natural. Aínda que a curto prazo poida ser necesario manter a devasa perimetral, o lóxico sería plantexar a súa substitución a medio-longo prazo por unha faixa de vexetación protectora menos inflamable e moito menos impactante na paisaxe que a devasa actual de largura desmesurada. Bótase en falla un plan para reducir a “profusión de devasas e pistas forestais que nalgúns casos deseñáronse sen adoptar adecuados criterios de funcionalidade” e mitigar os seus efectos negativos no parque.

Ademais, debería limitarse o número e a velocidade dos vehículos que circulan polo parque para minimizar o atropelo de fauna. Tamén urxe desmontar as instalacións para desove de troitas, que son unha trampa para os animais que caen nela.

Malia recoñerse como unha necesidade no propio PRUX, non consta un plan definido para eliminar os cercados de gamos, rebezos, cervos e cabras montesas (309 ha; 5.4% do parque).

Uso público

Compre salientar que no PRUX do PN do Invernadeiro non se xustifica como se estimou a capacidade de carga. Ademais:

  • As probas deportivas deberan estar prohibidas no interior do Parque Natural.
  • “A circulación e aparcadoiro sobre hábitats de interese comunitario ou sobre os hábitats das especies de interese para a conservación” NON debera de ser autorizado nin siquera excepcionalmente.
  • O voo de aeronaves a menos de 1000 m de altitude NON debera ser un uso autorizable.

Vulneración da normativa vixente

A tramitación do PRUX do PN do Invernadeiro incumpre a Ley 21/2013, pois non se someteu a avaliación ambiental estratéxica.

Un orzamento cativo e mal distribuido

A estimación económica do PRUX prevé un gasto anual de 27 € por hectárea e ano nos vindeiros 6 anos. É dicir, apenas un 39% do promedio nos espazos protexidos españois e unha cuarta parte do desexable segundo a bibliografía. Ademais, un terzo do orzamento global pretende adicarse a obxectivos non relacionados coa conservación dos hábitats, a biodiversidade e a xea:

  • 20,6% para mantemento e limpeza de devasa e puntos de auga, obxectivo que debera sufragar o PLADIGA.
  • 12,9% para conservación e mellora da rede viaria.

Peticións de SGHN

Por estes motivos, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (PDF) que:

  • Se desbote o borrador de PRUX do PN do Invernadeiro.
  • Se inicien os traballos para dotar ao Parque Natural dun PRUX:
    • Redactado en base ao coñecemento científico-técnico dos compoñentes da biodiversidade e xeodiversidade presentes no Parque Natural, así como das necesidades de conservación destes compoñentes, garantindo esta a curto ou longo prazo.
    • Que ordene de forma obxectiva os usos e a xestión do Parque Natural, evitando ou minimizando toda afección sobre os compoñentes da biodiversidade e xeodiversidade que determinaron a declaración do Parque Natural.
    • Tendo en conta as alegacións de SGHN.