PXOM e espazos protexidos de Valdoviño

No concello de Valdoviño existen diversas e importantes áreas naturais protexidas por instrumentos internacionais e nacionais: Humidal Ramsar da Lagoa de Valdoviño, ZEC ES1110002 Costa Ártabra, ZEPA ES0000258 Costa de Ferrolterra–Valdoviño, ZEPA ES0000496 Ferrolterra-Valdoviño e Humidal Protexido da Lagoa e Areal de Valdoviño. Nestes espazos as normativas ambientais e as determinacións derivadas dos Plans de xestión das áreas protexidas prevalecen sobre a ordenación territorial e urbanística, de acordo á lexislación ambiental europea (DC 92/43/CEE), estatal (Lei 42/2007, Lei 28/1988; Real Decreto Lexislativo 7/2015) e galega (Lei 2/2016, Lei 5/2019, Decreto 37/2014).

Desafortunadamente, o Documento Inicial Estratéxico do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Valdoviño (en adiante DIE-PXOM) sometido no último mes a participación pública pretende inverter dita orde de prevalencia. Ademais, pon en dúbida a integridade deses espazos naturais e as obrigas de manter ou restaurar a un estado de conservación favorable as especies protexidas e os hábitats de interese comunitario situados nestes espazos.

Clasificación e delimitación do solo

A proposta de clasificación e delimitación do solo no DIE-PXOM de Valdoviño:

  • Incumpre o artigo 34 da Lei 2/2016 do solo de Galicia ao non considerar como “Solo rústico de especial protección de espazos naturais” distintas superficies que posúen a condición de Área Protexida por Instrumento Internacional (Convención Ramsar), Espazo Protexido Rede Natura 2000 (ZEC, ZEPA) e Espazo Natural Protexido, e que no momento da declaración destes espazos non posuían as condicións propias dun solo urbano.
  • Entra en conflito coa obriga de conservas os espazos protexidos establecida na normativa europea, estatal e autonómica: Directiva Aves, Directiva Hábitat, Lei 42/2007, Lei 5/2019, Decreto Humidais (Decreto 127/2008), Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Decreto 37/2014), Plan de Conservación do Humidal de Valdoviño (Decreto 30/2015).

Estes incumprimentos danse alomenos nos seguintes ámbitos territoriais que deberían clasificarse como “Solo rústico de especial protección de espazos naturais”:

  • Punta Taraza: a delimitación do “Solo Urbano Consolidado” invade terreos que posúen a condición de Espazo Protexido.
  • Monte Campelo: a cartografía do DIE-PXOM non contempla a súa pertenza á ZEPA ES0000258 Costa de Ferrolterra – Valdoviño.
  • Costa do Risco: a zona aluvial do tramo estuarino (que é ZEC) aparece clasificada como “Solo de Núcleo Rural Común”
  • O Funchal: dentro da ZEC clasifícase unha ampla zona como “Solo de Núcleo Rural Común” e unha pequena área de “Solo de Núcleo Rural Tradicional”.
  • Lago: unha parte do Humidal Ramsar en contacto coa estrada Ferrol-Valdoviño (AC-116), aparece clasificada como “Solo de Núcleo Rural Común” e “Solo de Núcleo Rural Tradicional”.
  • Outeiro: na parte máis setentrional de Outeiro, englobado no interior do Ramsar de Valdoviño, delimítase unha zona como “Solo de Núcleo Rural Común”.
  • Lagoa de Valdoviño, zona S. O límite Sur da Lagoa de Valdoviño discorre a través da estrada AC-116, pero o mapa achegado no DIE-PXOM non permite avaliar a delimitación do solo que se realiza nesta contorna de alto grao de fraxilidade e sensibilidade ambiental.
  • Lagoa de Valdoviño, Zona SE. O límite SE do Humidal Ramsar Lagoa de Valdoviño esténdese dende o núcleo rural común de O Barreiro a áreas adxacentes ao propio humidal que se asolagan de forma periódica. Sería lóxico excluír da condición de “Solo de Núcleo Rural” as áreas afectadas pola oscilación natural do humidal, que formaron parte da designación inicial do Humidal Ramsar de Valdoviño ata que foi modificada sen criterio ambiental.
  • Tramo Lagoa de Valdoviño – A  Saíña: neste treito de terreos dentro do DPMT, ou ben da zona de servidume de protección, e coa consideración de área protexida existen diversas infraestruturas de uso público (aparcadoiro, cafetería, instalacións de socorristas e de recreo). O aparcadoiro, integrado na Zona de Servidume, non pode clasificarse como “Solo de Urbano Consolidado”.
  • A Saíña: nunha involución respecto ao traballo de recuperación do DPMT feito pola Demarcación de Costas do Estado nas últimas décadas, o DIE-PXOM considera toda a área contigua ao medio mariño como “Solo de Núcleo Rural Común” e “Solo de Núcleo Rural” integrando nesta categoría terreos de espazo natural protexido.
  • A Robaleira: considéranse como Solo Urbano Consolidado (“Solo de Núcleo Rural Común” e “Solo de Núcleo Rural”) terreos incluidos na ZEC.
  • O Rodo (parroquia de Pantín): considéranse como “Solo de Núcleo Rural Común”, terreos posúen a declaración oficial de espazo natural protexido.
  • O Castro, Marnela de Abaixo, Os Veceiros (parroquia de Pantín): considéranse como “Solo de Núcleo Rural Tradicional” terreos que posúen a declaración oficial de espazo natural protexido.
  •  O Atriño e O Freixo (parroquia de Pantín). Considéranse como “Solo de Núcleo Rural Tradicional” e “Solo de Núcleo Rural Común”, terreos que posúen a declaración oficial de espazo natural protexido.

Deficiencias de forma e de fondo do DIE-PXOM

  • A escasa cartografía non inclúe os límites dos distintos espazos naturais e das súas unidades de zonificación, nin tampouco o límite do Dominio Público Marítimo Terrestre e das zonas de servidume e a zona de influencia.
  • Inclúe normativa derrogada pola Lei 5/2019 (Lei 9/2001, Decreto 72/2004 e a figura de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais).
  • No apartado de hábitats de interese ou conservación prioritaria na UE nin sequera se utiliza a cartografía ambiental oficial dos Espazos Naturais Protexidos existentes no municipio de Valdoviño.
  • Non existe un apartado de flora.
  • A listaxe de especies exóticas invasoras que afectan o estado de conservación dos ecosistemas, hábitats e biótopos resulta moi incompleto.
  • No apartado de fauna cítase unha versión do Catálogo Nacional de Especies Ameazadas (CNEA) desactualizada e/ou derrogada hai 11 anos.
  • Dende un punto de vista formal e lingüístico, a redacción do documento é francamente mellorable.

Solicitude de SGHN

Polos motivos antes indicados, SGHN ven de solicitar (máis…) que se desestime totalmente o Documento Inicial Estratéxico. Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Valdoviño e se esixa unha nova redacción, utilizando a mellor e máis adecuada información ambiental, e dando cumprimento á normativa ambiental, especialmente a referida ás áreas protexidas existentes no seu ámbito.