Reseña da saída “Doniños nocturno”

Realizada onte á noite a saída “Doniños nocturno” dentro do ciclo “Outono naturalista”, unha actividade patrocinada pola Deputación Provincial da Coruña, nunha noite tan fermosa como anómala para o tempo de outono no que estamos.

Un ceo despexado e sen lúa permitiu vivir, aos 20 asistentes e os dous monitores (mágoa das quince persoas que quedaron na listaxe de reserva) a sensación de pasear de vagar a carón dunha da máis fermosas e completas praias de Galicia: a barra dunar, o areal e a lagoa de Doniños.

Este conxunto único á noite fai que destaquen os cheiros, os sons do mar e da vida nocturna, as luces dun ceo estrelado -sulcado tamén por numerosos satélites de baixa órbita- e as luces do alumeado contaminando lumínicamente un ceo que se abonda para dármonos luz para ver, como comprobamos nos treitos máis escuros do paseo.

Da praia pasamos ao lago, abeirando patrimonio histórico como é o caso da batería que defendeu a praia no seu momento durante o desembarco inglés a inicios do s. XIX. Tamén o paso polo antigo campo militar de tiro xa abandoado dou pé a falar dos cambios de usos do territorio, e unha das últimas corredoiras de muros de pedra a xunta seca, recoñecidos estes como patrimonio da humanidade, levounos á parcela de outos piñeiros doada no seu día pola científica ferrolá Ángeles Alvariño e o seu esposo Leira á Xunta de Galicia. 

Alí lembramos a figura desta pioneira e insigne científica, co desexo de que a consellería responsable faga unha posta en valor deste eido, situado na beira da lagoa litoral máis fonda e mellor conservada de toda a península Ibérica. Sen dúbida, unha singularidade que merece ser valorada como realmente debe.

Para a xente que quedou na listaxe de reserva, dicirvos que desexamos poder ofrecervos no futuro a oportunidade de poder vivir tamén estas experiencias.

Ata a seguinte xa a facer de día!