Resume da 1ª Quedada no Museo (QnM)

Nesta primeira edición da actividade “Quedadas no Museo” (QnM), contamos cunha boa acollida por parte do público que foi chegando ao salón de actos.

O delegado en Ferrol da SGHN e codirector do Museo de Historia Natural de Ferrol (MHNF), Xan R. Silvar, deu lugar á apertura ás 17:00 e fixo a presentación da QnM. Na mesma salientou a orixinalidade da sú posta en funcionamento por parte dos socios Manuel Arzúa e Pablo Torrella, e coa que o MHNF pretende retomar un contacto máis caluroso coa cidadanía, tal como foi noutros tempos dende a “Soci” na delegación de Ferrol.

Houbo unha intervención por parte de Manuel Arzúa, na que falou da importancia dos museos de Historia Natural e das súas experiencias na revisión das coleccións antigas de morcegos españois no Natural History Museum de Londres.

De seguido Pablo Torrella presentou as novidades na Biblioteca da Natureza, falando das últimas adquisicións e agradecendo a tódalas persoas que fixeron doazón de obras, así como á Deputación da Coruña e á Xunta de Galicia pola entrega do material solicitado.

A actividade viuse enriquecida por un paseo guiado polos almacéns do museo, onde houbo tempo para coñecer as xoias alí gardadas, e para que o administrador do MHNF, Salvador Sánchez, ensinase o “viveiro” de carballos fillos do carballo do xardín do museo.

Pablo Torrella fixo o mesmo co humus e restos leñosos vellos entregados ao MHNF por parte dun socio traballador do servizo de xardíns para o Concello de Ferrol, quen entregou os restos de poda e limpeza dalgunhas das árbores deterioradas para o estudo dos organismos saproxílicos da cidade dende o MHNF.
Tes á túa disposición este boletín de resume en PDF con estas e outras novas interesantes desa xornada.