Resume da 6ª Quedada no Museo (QnM)

Xa está aquí o resume da QnM-06 no Museo de Historia Natural e adianto da seguinte do 3 de maio

Nesta 6ª QnM tivemos o gusto de coñecer o interesante proxecto de participación cidadá no estudo das avelaíñas ibéricas no que participou o noso compañeiro o socio Paco Girón conxuntamente coas universidades de Murcia e Castilla-La Mancha.

Durante a súa exposición, Paco amosounos o xeito de traballar, a loxística e a inxente morea de datos e exemplares aportados por el durante anos, con vistas a colaborar neste interesante proxecto. E vaia se o conseguíu. Parabéns, Paco!

A súa participación neste proxecto xurdíu das súas observacións nocturnas na parroquia de Esmelle no porche da súa vivenda. El tiraba fotos dos exemplares, que logo subía a plataformas e grupos en redes sociais, onde diversos especialistas ían determinando eses individuos. Co tempo, pedíronlle colaboración nos seus respectivos proxectos, ao que Paco ofreceu a súa dispoñibilidade.

Logo, o socio Manuel Arzúa falounos de Epicollet5, unha aplicación para colaborar na toma de datos dentro do proxecto de participación cidadá no que está sumida a delegación de Ferrol da SGHN e que conta co patrocinio nas súas diversas fases da Deputación da Coruña (ao abeiro da convocatoria DP0031 dentro do seu programa de axudas a entidades sen fins de lucro para cofinanciar proxectos de actividades no ámbito do medio ambiente).

Con esta App, coa que Manuel convidou ao público asistente a participar no proxecto, é posible datar e localizar ameazas ao medio natural como son os impactos ambientais, a presenza tanto de especies exóticas invasoras como as que estean protexidas, etc.

Finalmente, Pablo Torrella adiantou ao público que a seguinte QnM (7ª) trataría asuntos relacionados co propio Museo, como é o caso do inventario que se está a facer da flora do xardín da man da alumna do Grao de Bioloxía pola USC Marta Pego, e a presentación que el fará dunha especie de escaravello que habita algunhas praias: Eurynebria complanata Linnaeus, 1767.