Atentado á biodiversidade no río Miño

Segundo novas de prensa, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ven de autorizar á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a traslocación duns 2.000 exemplares de Margaritifera margaritifera o vindeiro mes de maio para reparar o caneiro de O Muiño no río Miño ao seu paso pola cidade de Lugo.

Unha decisión non consultada co OGB

O mexilón de río Margaritifera margaritifera é unha especie “En perigo de extinción” segundo os catálogos galego (Decreto 88/2007) e español (Real Decreto 139/2011) de especies ameazadas, polo que antes de adoptarse unha decisión como esta debera de consultarse o Observatorio Galego da Biodiversidade (OGB), que unha vez máis, ven de ser ignorado pola Consellería que se chama de Medio Ambiente e unha Dirección Xeral que se supón de Patrimonio Natural.

Margaritifera margaritifera

Un gran risco de mortalidade moi elevada

O Convenio de Diversidade Biolóxica, subscrito polo Reino de España, establece que “a esixencia fundamental para a conservación da diversidade biolóxica é a conservación in situ dos ecosistemas e hábitats naturais e o mantemento e a recuperación de poboacións viables de especies nas súas contornas naturais”. Na mesma liña, as “Directrices técnicas para o desenvolvemento de programas de reintrodución e outras translocacións con fins de conservación de especies silvestres en España” aprobadas pola Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade (24-07-2013) e pola Conferencia Sectorial (07-10-2013) non contemplan a translocación de individuos de especies protexidas, desprazándoas do seu hábitat natural, a fin de facilitar usos incompatibles coa súa conservación. No caso concreto de Margaritifera margaritifera o traslado conleva un grave risco de mortalidade dunha elevada proporción de individuos, polo que SGHN o considera totalmente inaceptable.

Por todo elo, o vogal de SGHN no Observatorio Galego da Biodiversidade ven de solicitar a convocatoria urxente dunha xuntanza extraordinaria do Observatorio Galego da Biodiversidade para tratar esta polémica autorización e que mentres tanto se paralice cautelarmente a translocación da poboación de Margaritifera margaritifera existente no caneiro de O Muiño.