Resume da 8ª Quedada no Museo (QnM)

Resume da QnM-08 do pasado 24/05/2024 e adianto da seguinte do 7 de xuño

Neste resume da 8ª QnM que compartimos, cómpre salientar que fomos quen de contar coa colaboración do biólogo mariño Carlos Brezmes Comesaña. Con el tivemos a ocasión de poñernos ao día sobre a importancia das coleccións conquiliolóxicas (de cunchas de moluscos) históricas, e aproveitou para facer tamén un breve pero moi conciso e oportuno repaso sobre algúns naturalistas do século XIX que participaron nas antigas expedicións científicas e nas colonias españolas, tal foi o caso do Contralmirante Claudio Montero y Gay, militar que estivo destinado nas Filipinas. A súa colección conquiliolóxica, doada en 2003 pola súa herdeira a familia San Román, forma parte dos fondos do noso museo grazas tamén a Carlos Brezmes e consocio Daniel Sóñora que puxeron en orde os seus espécimes.

Logo da súa presentación, Carlos Brezmes convidounos a subir á sala expositiva do museo, onde puidemos coñecer de primeira man a colección de Montero y Gay e deleitarnos cos seus amenos comentarios e o seu amplo coñecemento ao respecto da bioloxía e ecoloxía das especies da mostra.

Na visita guiada tivemos tamén a posibilidade de lembrar a visita do ano 2020 do Prof. Benjamín Vallejo, da Universidade de Manila en Filipinas, que estivo no MHNF con varios doutorandos co fin de coñecer en persoa a colección de Montero y Gay.

Dende o MHNF queremos aproveitar a ocasión para trasladarlle a Carlos Brezmes o noso agradecemento polo seu bo facer e dedicación co Museo de Historia Natural.