Saída do Día do Medio Ambiente 2017 por terras de Laza

Unha MAGNÍFICA celebración do Día Mundial do Medio Ambiente . E é que … contamos con colaboración de veciños dos lugares visitados que presumen dos seus pobos e que nos axudaron a coñecer algúns segredos da contorna máis próxima e parte da historia recente destes pobos de montaña. A eles: Isabel de Cerdedelo, Héctor de Laza, Xosé Ramón Reigada, Beni Rodríguez, José Ramón de Cerdedelo, Bruno Rúa, moitas grazas e moitas grazas tamén aos nosos consocios e compañeiros da Asociación de Estudos de Santa Mariña, do Ateneo de Ourense e da SGHN, que puxeron o seu grauciño de área, en especial a Víctor, José Ramón, Serafín e, .. en fin, a todos os que participamos nesta xornada.

Para chegar a Toro desde Laza hai que tomar unha estrada estreita, con curvas e empinada que hoxe se supera cómodamente en coche, antes segundo conta Beni chegar ata aquí esixía bastante esforzo pois só había un camiño coñecido: “o reventón”.

Un pouco antes de chegar a Toro toca lección de xeoloxía: no desmonte da estrada apréciase como a roca inferior está cuberta por unha banda relativamente estreita de material diferente, tal e como explica José Ramón este é un punto de gran interese xeolóxico pois aquí atópase unha zona contacto entre materiais líticos diferentes co cabalgamento e superposición duns sobre outros. O material inferior, pizarras do mesmo tipo que as de Valdeorras, é o material que se atopa nos lugares a visitar pero cunha gran diferenza respecto de aquelas: están moi deformadas por fracturas e pliegues que impiden a súa explotación comercial a gran escala aínda cando nas proximidades de Cerdedelo existiu unha canteira de extracción deste material.

Desde a embocadura da “pista do marroquí” (deformación do nome orixinal de “Pista do Marroquín”) a paisaxe é ampla e montañosa con moitas liñas de horizontes, o río Cabras descende desde Correchouso ata o val de Laza para desembocar no Támega, o Castelo de Monterrei, as terras de Portugal, as estribacións do Macizo central, … Na contorna do Castelo de Monterrei chama a atención o tratamento da zona incendiada o ano pasado con alfombrado de palla en franxas; esta circunstancia é aproveitada para incidir sobre a problemática incendiaria, a urxente necesidade de evitar os incendios e a eficacia dos tratamentos post-incendio.

Por este terreo abrupto entre Toro e o río Cabras discorre a “pista do marroquí” encaixada mediante desmontes e recheos que deixan ver as rochas e os seus plegamentos múltiples. As repisas e cortados son colonizadas, non sen dificultade, pola vexetación reseca dada a falta de agua deste ano, entre os rochedos o mato está composto por uces e xestas entre as que agocha unha corza e cantan algunhas aves como o Merlo rubio mentras as lagartixas rabudas toman o sol.

Merlo rubio (Monticola saxatilis) femia.

Lagartixa rabuda (Psammodromus algirus).

O túnel do Corno convértese no escenario ideal para que Víctor e Beni relaten algunhas historias sobre a construción da liña de ferrocarril, os carrilanos e a incidencia desta obra descomunal sobre a poboación local. O vindeiro 1 de xullo cumpriranse 60 anos da viaxe inaugural que Franco realizou para abrir a liña Zamora-Ourense; con esta viaxe rematou o proxecto desta vía que se prolongou 94 anos polas dificultades do terreo e os precarios medios técnicos en condicións de traballo penosas, insalubres e sen medidas de seguridade, pero tamén polas numerosas modificacións do trazado, a falta de orzamento e os avatares políticos incluíndo a guerra civil e a postguerra. Con todo non é de estrañar que a construción dos túneles cun prazo de execución previsto de 5 anos concluíse coa inauguración 30 anos despois. Ao iniciar as obras non existían accesos para o movemento de persoal e materiais precisos, por iso instaláronse dous teleféricos (“Cables”) un desde Laza a Toro e outro desde Toro ata o túnel de O Corno. Para acceder aos túneles construíuse a pista de terra que discorre paralela á vía e que se coñece como “A pista do Marroquí” en recordo do enxeñeiro que dirixiu as obras D. Augusto Marroquín.

Como vemos, o ferrocarril ten moita historia e como apuntan os nosos compañeiros: “o tren trouxo moito e levouse moito”. A obra trouxo melloras evidentes nas comunicación e proporcionou diñeiro para complementar a economía de subsistencia, pero os accidentes e o “mal da vía” (a silicose) leváronse moitas vidas por diante. Salvando as distancias, o proxecto e a historia da construción do ferrocarril, presentan sorprendentes coincidencias coa situación actual do AVE. Segundo relata Beni logo de todas as penalidades, esforzo humano e económico realizado o comentario dos seus veciños en relación ao AVE é …e van facer outra vía? pregunta lanzada entre o asombro e a incredulidade. Pois si o AVE está aquí cun proxecto totalmente novo e cun impacto ambiental moi destacado como sinalan algúns dos veciños: arrasaron con magníficos castiñeiros, secaron mananciais, crearon novas montañas de escombros (algunhas delas por reducir custos situadas en lugares diferentes aos contemplados no proxecto sometido a avaliación de impacto), houbo contaminaciós puntuais das augas do Támega, esnaquizáronse algunhas estradas e multiplicaronse as pistas e accesos alí onde foi preciso grazas á moderna tecnoloxía e maquinaria -algo impensable cando se construíu a primeira liña do tren- e o que é peor se eliminan apeaderos e estacións

Beni Rodríguez Requejo é a autora do libro “TORO Lembranzas dunha aldea” no que “recolle o sentir do pobo, de boca dos seus conveciños, información que provén na súa maior parte dos habitantes do mesmo” ademáis con este libro “pretende inculcarlle a súa filla este amor incondicional pola terra que a viu medrar”.

En Toro, a nosa anfitriona Beni continúa coas explicacións sobre os cambios ligados á construción do ferrocarril e repasa a arquitectura popular do pobo baseada na utilización de dous elementos fundamentais: a lousa e a madeira de castiñeiro cos que se constrúen casas de grosas paredes e pequenas fiestras, orixinalmente sen cristais, pechadas con contras de madeira. Como elementos construtivos singulares destacan diferentes tipos de escaleiras (algunhas protexidas lateralmente mediante lousas de gran tamaño denominadas esteos), os soportes de balcóns, os corredores cubertos que levan desde as escaleiras ao interior das vivendas e os pasadizos que atravesan as rúas ao enlazar dúas casas que pertencían á mesma familia. Entre as casas sorprende a proximidade das anduriñas comúns e anduriñas de cú branco que voan moi baixo esquivando cabezas para acceder aos niños construídos nas estruturas de madeira dos balcóns e corredores onde agardan os polos.

Polos de anduriña de cú branco (Delichom urbicum) no niño.

Anduriña común (Hirundo rustica) no niño.

A visita á igrexa é inevitable, o edificio está rodeado polo adro onde contrastan enormemente os modernos panteóns de pedra serrada cós antigos enterramentos e as lápidas de lousa con ornamentos xeométricos. A igrexa é de factura sinxela destacando un rosetón e o artesonado da capela maior xunto cós retábulos de San Antón de Padua, da Virxe da Expectación e de San Lourenzo, sendo estes últimos os patronos da parroquia.

Ao longo da visita, Beni vai introducindo as principais chaves da vida do lugar: agricultura e gandeiría de autoconsumo baseado nun gran esforzo humano con escasos medios mecánicos e técnicos e duras condicións climatolóxicas, tal e como recolle polo miudo no seu libro.

Antes de chegar a Cerdedelo localízase a “mina de ferro” ou, segundo apuntan as xentes do lugar, un inicio de túnel abandonado por cambio do proxecto do itinerario do tren. Aquí nun lugar confinado e de dimensións relativamente pequenas compréndese o traballo enorme que debeu ser a construción dos túneles do ferrocarril sen máis medios que a forza humana, os barrenos e os animais e persoas para retirar os sobrantes. As paredes están cubertas de pequenos cristais que brilan baixo as linternas e os óxidos de ferro procedentes da descomposición da pirita fan que a maior parte da oquedade estea “tinguida” de óxido. As covas naturais ou artificiais son o hábitat ideal para algunhas especies animais, nesta ocasión localízanse un niño de rabirrubio tizón e outro de anduriña dos penedos mentres no exterior as anduriñas daúricas sobrevoan as obras do AVE cos seus enormes accesos, explanacións, escombreiras que forman novas montañas e as balsas de decantación.

E chegando a Cerdedelo, o adro da ermida de Penatallada acolle a parada de medio día para descansar, xantar e beber á sombra das árbores gozando da conversa, dunha águia calzada acosada por un corvo pequeno e dunha parella de inquedas estreliñas riscadas que se adican aos seus quefaceres buscando alimento entre as follas. A ermida é do século XIX pero pénsase que a súa orixe é moi anterior por ser un lugar frecuentado polos segadores que ían traballar a Castela. O santuario, situado uns metros estrada arriba, é unha gran pedra onde, se conta, apareceuse a Virxe a un pastor, segundo a tradición a imaxe era trasladada á igrexa pero sempre volvía a este lugar que agora ocupa. Considérase que a virxe é curadora das dores de cabeza utilizando o seguinte remedio: raspar a pedra onde se atopa a imaxe, botar o pó en auga e beber o preparado mentres se dan 9 voltas á ermida rezando un rosario, ou tamén golpeando coa cabeza na rocha.

Coa calor que fai, agradécese a existencia dun bar no pobo para tomar un café, un refresco, unha cervexa, … antes de dar unhas curtas camiñadas por Cerdedelo e os seus arredores.

Aquí contamos coa colaboración de José Ramón, veciño de Cerdedelo, quen moi amablemente acompáñanos polos pasadizos máis angostos do pobo, ensínanos o forno comunal para o que teñen un proxecto de restauración e a fonte cuberta de principio do século XIX. Curiosamente, neste pobo de montaña que debería ter auga dabondo, este é un ben escaso: só hai dúas fontes públicas e outra que procede dos sobrantes de auga que un particular deixa utilizar aos veciños, con estes datos entendemos a preocupación das xentes do lugar polas afecciones das obras do AVE sobre os mananciais, algúns dos cales xa desapareceron.

Saíndo do pobo avanzamos por un camiño entre árbores cara á “Cenza dos Cans”, unha parede vertical por onde cae un dos “brazos” do río Támega este ano cun caudal moi reducido; atopámonos en Rede Natura na ZEC do río Támega

Considerando que os soutos son hábitat prioritario na unión europea é recomendable dar un paseo baixo a súa sombra como mínimo ata as inmediaciones dun castiñeiro incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. Como nota negativa hai que indicar que xa se empeza a notar o avance imparable da praga da avispilla do castiñeiro nestes magníficos soutos. O castiñeiro catalogado é de boas dimensións pero como ben nos indica José Ramón hai outros merecedores de estar catalogados, e por que non?, todo o souto desde Cerdedelo ata o val do Támega debería ser conservado e protexido. Como unha imaxe vale máis que mil palabras guiados por José Ramón de Cerdedelo visitamos outro incrible e xigantesco castiñeiro quizais milenario. Visto o exemplar non queda máis que dar a razón a José Ramón e comprometerse a facer o posible por tratar de catalogar esta árbore e, si fose posible, todo o Souto … xa se verá.

Nesta mesma zona xorde a polémica en torno á existencia dunha explotación tradicional de cal e a un forno. Aproveitando o desmonte das obras do AVE, búscanse os indicios xeolóxicos das rochas calizas recollendo mostras para a súa posterior análise, aínda que, José Ramón de Cerdedelo é coñecedor da presenza deste material e do uso tradicional por parte dos habitantes da zona e Xosé Ramón Reigada tamén comenta a presenza dun uso similar no veciño pobo de Trez.

Logo de despedirnos de José Ramón de Cerdedelo e agradecerlle a súa compañía e explicacións imos ter unha grata sorpresa na visita á igrexa de Retorta grazas a Xosé Ramón Reigada pois alí estanos esperando Bruno Rúa. A igrexa de Santa María de Retorta é un dos escasos exemplos de arquitectura gótica rural en Galicia; o primeiro que chama a atención é o seu illamento e o segundo a súa imponente torre onde se atopan unha fiestra xeminada e varios escudos que levan as armas das linaxes da casa de Monterrei. O edificio posúe dúas entradas unha na fachada principal cara á casa rectoral onde se atopa un arco apuntado con dobre arquivolta sobre a que se sitúa un fermoso rosetón, a outra nun lateral con portada decorada con motivos similares á porta principal destacando un capitel cun rostro barbudo. Este e outros detalles levan a conversación cara ás singulares tradicións da zona: o antroido, os maragatos, as festas de mouros e cristiáns, o sacrificio de Abraham ou o baile de Eva e outras moitas interesantes cuestións sobre as orixes e conservación destas tradicións.

Moi ao noso pesar, as condicións impediron achegarse ao río Támega para descansar un intre e pasear á beira do río xa dentro da ZEC e tampouco se realizou a visita ás obras de plantación de árbores nas rúas de Verín, pero como non hai mal que por ben non veña, xa temos excusa para realizar outra visita á zona.

De novo moitas grazas a todos os que fixeron posible esta interesante e completa xornada.