Desbroce de hábitats prioritarios na ZEC Estaca de Bares

No mes de maio que ven de rematar, un equipo da SGHN observou unha importante alteración dos hábitats litorais na contorna da Punta de Estaca de Bares (Concello de Mañón, A Coruña), abarcando unha superficie de máis de 30.000 m2 dentro da Rede Natura 2000 ao contar coas figuras de protección de Zona de Especial Conservación ES1110010 Estaca de Bares e Espazo Natural Protexido (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Estaca de Bares), sendo zona contigua á ZEPA ES0000495 Espacio mariño de Punta de Candelaria-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares.

A alteración dos hábitats litorais causouna unha roza mecánica realizada integramente dentro da Zona-1 do espazo natural, que de acordo co Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Decreto 37/2014), está destinada á conservación dos compoñentes da biodiversidade e do patrimonio natural. A roza mecánica provocou unha perda total da estrutura dos tipos de hábitats naturais e supuxo unha gravísima alteración do seu funcionamento ecolóxico, afectando ademais ao estado de conservación de diferentes especies de flora e fauna silvestre, que forman parte destes hábitats, ou empregan os mesmos como área de refuxio ou alimentación. A roza coincidiu, ademais, coa fase de cría de numerosas especies silvestres, ocasionando a alteración ou interrupción dos seus ciclos biolóxicos.

Entre os tipos de hábitats litorais gravemente afectados pola roza mecánica atópanse 7 considerados de interese comunitario pola Directiva 92/43/CEE (Directiva Hábitat). Compre salientar que 3 deles (indicados con asterisco) considéranse “hábitats prioritarios” polo que, de acordo coa normativa vixente (Directiva 92/43/CEELei 42/2007 e Decreto 37/2014), a súa conservación supón unha especial responsabilidade para a Comunidade Autónoma de Galicia:

  • 1230 Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas.
  • 4020* Breixeiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix.
  • 4030 Breixeiras secas europeas.
  • 4040* Breixeiras secas atlánticas costeiras de Erica vagans.
  • 6430 Megaforbios eutrofos higrófilos das orlas de chaira.
  • 7220* Mananciais petrificantes con formación de tuf (Cratoneurion).
  • 8230 Rochedos silíceos con vexetación pioneira.

A roza dos hábitats de interese comunitario na Zona-1 da ZEC Estaca de Bares, supón un grave incumprimento da Directiva 92/43/CEE , así como da Lei 42/2007 e do Decreto 37/2014. Dita actuación podería ser ademais considerada como constitutiva dun delito penal conforme ao indicado na Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, ao poderse considerar que os feitos aquí denunciados puideron provocar un grave desequilibrio ecolóxico no ecosistema sublitoral do espazo natural referido, alterando a súa estrutura, funcionamento e composición biolóxica, propiciando ademais a entrada de especies exóticas invasoras.

Segundo información obtida no propio Concello de Mañón, esta acción destrutiva levada a cabo sobre os hábitats de interese comunitario da ZEC Estaca de Bares estaría vinculada ás fases iniciais da execución dun proxecto construtivo promovido pola Axencia de Turismo de Galicia (Xunta de Galicia), destinado a transformar e artificializar a punta de Estaca de Bares para promover un turismo irracional e insustentable. Ditas actuacións nada teñen que ver coas necesidades de xestión e conservación da ZEC Estaca de Bares, de acordo co Plan Director dá Rede Natura 2000, e deberían ser prohibidas ou en todo caso sometidas previamente a un procedemento de impacto ambiental.

Por istes motivos, SGHN ven de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio Natural que incoe a correspondente denuncia sobre afección a un Espazo Natural Protexido (ZEPVN – Estaca de Bares) pertencente á Rede Natura 2000 (ZEC Estaca de Bares), para que de acordo coa lexislación vixente investigue os feitos denunciado e aplique no seu caso as medidas sancionadoras aos promotores e cooperadores dos feitos denunciados.

Ao abeiro da lexislación europea (Directiva 2003/4/CE), española (Lei 38/1995 e Lei 27/2006) e galega (Lei 1/1995) que garante o dereito de acceso á información sobre o medio ambiente, e coa finalidade de presentar as oportunas denuncias sobre os feitos diante da Comisión Europea e a Fiscalía de Medio Ambiente, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural facilite a SGHN copia confrontada e numerada de toda a información que obra nos Servizos Provinciais e nos Servizo Centrais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, especialmente dos informes ou autorizacións emitidas polos axentes ambientais, técnicos dos servizos e responsables da Dirección Xeral do Potrimanio Natural, así como de calquera documentación traslada desde a Axencia de Turismo de Galicia (Xunta de Galicia) ou do Concello de Mañón.